CUAC celebra o contido da sentenza, que estima as súas pretensións e deixa sen efecto o apercibimento de graves sancións económicas por emitir en frecuencia modulada, ao tempo que lle recoñece unha garantía temporal de emisión. O TSXG sinala tamén que a Xunta de Galicia violou os nosos dereitos fundamentais.
Dende Cuac FM entendemos que é un feito de extraordinaria gravidade que unha administración pública sexa condeada por vulnerar os dereitos fundamentais, pero máis ainda se estes dereitos son os contidos no artigo 20 da Constitución Española.
Non estamos a falar dun asunto menor, falamos da expulsión do espectro radioeléctrico dun medio de comunicación e da posta en risco dun servizo de comunicación comunitario sen ánimo de lucro que leva 22 anos servindo á cidadanía coruñesa.
CUAC FM leva un ano e un mes fóra do seu espazo natural, do lugar que lle é propio, as ondas hertzianas. E ninguén pode reparar ese dano. Temos motivos abondo para sentir rancor polo tempo perdido, pero eses sentimentos non agroman nesta asociación, neste grupo humano, nesta familia.
Porén, tendemos a man e aceptaremos de bo grao calquera desculpa que dende a Xunta de Galicia se nos faga chegar. Agardamos que este desencontro sexa o último, e que a partires de agora poidamos ter unha relación fructífera que redunde no ben común.
A asemblea de CUAC aprobou de xeito unánime a súa volta á frecuencia modulada á maior brevidade posible. Mañá mesmo procederemos a comezar as nosas emisións en probas, despois de rematar a revisión dos nosos equipos técnicos, e emprazamos á cidadanía da Coruña a celebrar connosco o retorno ao dial o vindeiro sábado, acompañándonos nunha emisión especial con xornada de portas abertas na nosa emisora, que comezará ás 13:34 horas.
Por último, a asemblea de CUAC quere agradecer ás institucións e ás persoas físicas e xurídicas que neste longo ano nos amosastes o voso apoio e afecto. Nunca o esqueceremos. Esta victoria xudicial, non é so nosa, é tamén de todas e cada unha de vós. Moitas grazas.
3 thoughts on “Comunicado oficial: #CuacVolve”