30 horas en directo: CUAC celebra 30 anos cun maratón histórico

CUAC FM celebra os seus 30 anos cunha maratón de radio de 30 horas en antena

CUAC FM conmemora o seu 30º aniversario cun maratón de radio de 30 horas ininterrompidas en emisión, con inicio o sábado ás 15:00 horas e remate o domingo pola tarde. Máis de vinte programas da emisora coruñesa participan nesta cita especial, que combina música, entrevistas, ficción sonora, humor e análise mediática nunha das emisións máis ambiciosas da historia da emisora.

A maratón arrinca o sábado ás 15:00 coa presentación do evento e a incorporación de Mi Rollo es el Rock. Ás 16:00, ninputaidea! ofrece un programa concentrado con presentacións de discos novos, cómics, lectura, a presentación dun libro e unha entrevista a unha banda de Barcelona, ademais dunha ollada ao que supuxo para o equipo a súa traxectoria en CUAC FM.

Ás 18:00 chega un dos momentos máis singulares da programación: Ulalume regresa ás ondas tras 25 anos de silencio radiofónico para traer historias arredor do 30º aniversario da emisora, acompañadas de música. Ás 20:00, Music Box recolle o testigo cunha entrega especial na que, despois de 14 anos, volve soar Edgar Cal, produtor e DJ coruñés. Pechando a noite do sábado, Ecuación (21:00) conversa cun profesor de conservatorio e cun chelista-astrofísico, e Loco Iván (22:00) mergúllase nos espectros, tanto o radioeléctrico —indisociable da actividade radiofónica— como calquera outro tipo de presenza espectral.

A madrugada do domingo acolle, entre outras propostas, Tá-se bem na rádio ás 2:00, con dúas horas de análise da actualidade dos medios de comunicación nun formato especial de horario nocturno. Ás 8:00, Music Box regresa cunha segunda entrega a cargo de Iván Pérez, quen mestura en directo versións electrónicas actuais de música procedente de radios españolas das décadas de 1970 a 2000. Ás 9:00, TRECÉPOLIS propón unha nova etapa da súa viaxe sen etiquetas polas músicas do mundo, con escalas en Mali, Islandia e Jamaica, entre outras. Ás 12:00, Radio Parafuso dedica o seu espazo a entrevistas con locutores de programas históricos de CUAC, con especial atención á saúde mental, ao agradecemento e á memoria colectiva da emisora.

A maratón conclúe o domingo pola tarde cun tramo que inclúe Spoiler (16:00), Sueños Diabólicos (17:00), Recendo (18:00) e Nubes de Papel (20:00). A audiencia poderá participar e enviar mensaxes de felicitación e agarimo para a emisora usando o Whatsapp ou Telegram do 644 737 303.

Programación completa

Sábado

HoraPrograma
15:00Presentación + Mi Rollo es el Rock
16:00ninputaidea!
17:00De los Adoquines a los Alpes
18:00Ulalume
19:00Internet de tu Color Favorito
20:00Music Box
21:00Ecuación
22:00Loco Iván
23:00Estrelados na Estratosfera

Domingo

HoraPrograma
0:00Estrelados na Estratosfera
1:00Cami
2:00Tá-se bem na rádio
3:00Tá-se bem na rádio
4:002d6
5:002d6
6:00MalhumorHadas
7:00MalhumorHadas
8:00Music Box
9:00TRECÉPOLIS
10:00Alegría
11:00Radio Relatos
12:00Radio Parafuso
13:00Radio Parafuso
14:00Radio 50 y pico
15:00Radio 50 y pico
16:00Spoiler
17:00Sueños Diabólicos
18:00Recendo
19:00Recendo
20:00Nubes de Papel

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir