O programa Estrelados na Estratosfera de CUAC FM recibiu como invitado a Kid Mount, un dos artistas máis destacados da nova escena de música urbana en galego. Nun formato distendido e directo, o artista de Xinzo de Limia falou do seu proceso creativo, da evolución do reggaetón en galego e dos seus proxectos para o verán.
Estrelados na Estratosfera, o espacio de entretemento de CUAC FM conducido por Víctor Fernández e Iván Pensado, “emitiuse en riguroso directo” co artista limiao Kid Mount como protagonista. Natural de Xinzo de Limia pero criado entre os pueblos de Perrelos e Folgoso, no concello de Sarreaus, o nome artístico “Kid Mount” xorde precisamente dese monte que separaba os dous lugares onde pasou a infancia.
O artista repasou os seus inicios na música: comezou con 15 anos baixando ao parque con amigos a facer freestyle, logo participou en batallas de galos e, animado por esa experiencia, escribiu a súa primeira letra e gravou os primeiros temas por cinco euros cun colega de Xinzo. Daquela, contou, moita xente lle dicía que en castelán chegaría a máis xente. Hoxe recoñece que a situación se inverteu por completo.

Sobre o momento actual da música en galego, Kid Mount mostrou un optimismo claro: “Parece que non hai teito. Temos unha base de fans super tola, chegamos a xente nova, chegamos a xente máis maior, hai unha cantidade de grupos enorme, de todos os xéneros, de todos os colores”. Apuntou tamén que a diversidade de público ten moito que ver con que antes non había case nada neste ámbito, e que agora a rapazada ve que se pode facer de todo en galego.
Preguntado polo seu proceso creativo, describiu un método moi instintivo: encérrase na habitación, non escribe case nada, impróvisa directamente no micrófono e déixase levar pola instrumental ata que “todo sae do tirón”. Como exemplo, contou que Esta Vida Pide Outra, un dos temas que soou no programa, naceu dunha noite de San Xoán que durou ata que saíu o sol. Destacou tamén o papel esencial do seu produtor Yuly, a quen definiu como “a absoluta cabra” e a metade de cada canción que publican xuntos.
Kid Mount falou ademais das diferenzas entre o directo e o estudio: nos concertos manda a enerxía, o suor e a conexión coa xente; no estudio, en cambio, entra nun estado máis íntimo e de trance. Confesou que antes de cada actuación non está nervioso, senón ansioso de que comece, e que despois do show necesita un tempo para “baixar da nube” e volver á terra.
Para rematar, o artista anunciou varios concertos confirmados para o verán: A Coruña ao día seguinte da emisión do programa, Santiago de Compostela o 24 de xuño, o Vilaño Fest, o Festival Ondas en Nigrán, o Marinha Sound en Lugo e unha data en Madrid. Avanzou que hai moitas máis datas pechadas que irá anunciando próximamente nas súas redes sociais, onde se pode seguir como @kidmont_ en Instagram.
Kid Mount: “Parece que non hai teito para a música en galego”
Entrevista con Kid Mount, un dos referentes do reggaetón en galego, sobre proceso creativo, a nova ola de música urbana e os seus plans para o verán.