CUAC FM abre este domingo a retirada de convites para a noite de humor no Auditorio de Afundación

Desde o dimingo ás 10, poderanse retirar a través de Ataquilla, os convites gratuítos para a gala de humor “Vellenials e ImproCoruña” que CUAC FM celebra o sábado 10 de outubro no Auditorio de Afundación da Coruña, dentro dos actos do seu 30 aniversario.

CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña, abre a retirada de convites para a súa gran gala de humor en directo, co título “Noitiña de risas con Vellenials… e moito máis”. O evento terá lugar o sábado 10 de outubro, ás 20:00 horas, no Auditorio de Afundación, no Cantón Grande da Coruña.

Os convites, de balde, xa están dispoñibles na plataforma Ataquilla, desde o domingo 4 de outubro ás 10:00 horas.

Sobre o escenario xuntaranse dous dos proxectos de humor máis queridos da escena coruñesa: Vellenials, un dos programas da grella de CUAC FM que está a piques de estrear a súa 6ª tempada, sae do estudio para ofrecer unha noite de risas en directo; e ImproCoruña, formado por Lucía Veiga, Marita Martínez e Patricia Castrillón, que porá o seu selo de improvisación á velada.

O acto enmárcase na programación do 30 aniversario de CUAC FM, que a emisora está a celebrar ao longo de toda a tempada, e conta coa colaboración do Concello da Coruña.

CUAC FM é a radio comunitaria da Coruña, declarada entidade de utilidade pública, que leva tres décadas de emisión en formato asociativo e sen ánimo de lucro, dispoñible na 103.4 FM e en todo o mundo a través da súa app gratuíta e sen publicidade.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir