A radio comunitaria da Coruña celebrou o sábado 13 de xuño a gala dos seus Premios OSCUACS, os galardóns máis sinceramente amañados da historia da radiodifusión, no auditorio de Afundación no Cantón Grande. Ante un público entregado e coa colaboración do Concello da Coruña, CUAC FM reuniu a toda a súa familia para recoñecer, entre risas e emoción, o traballo voluntario de quen fai posible 30 anos de radio libre e independente na Coruña.
A gala dos OSCUACS é, por definición, a cerimonia de premios onde todo o mundo sabe que hai tongo. E precisamente aí reside a súa maxia: o importante non é ser mellor que ninguén, senón xuntarse a celebrar o que se constrúe colectivamente. Este ano, no marco do 30 aniversario da emisora, a festa adquiriu unha dimensión especial.

Entre os grandes protagonistas da noite destacaron tres programas que representan ben a diversidade da grella de CUAC FM. Malhumorhadas, que se alzou co galardón ao Mellor Programa, é un espazo de sociedade e cultura que, con oito tempadas ás costas, combina humor, música e compromiso con proxectos e movementos sociais. Nubes de Papel, recoñecido como o Programa Mellor Dirixido, é un percorrido polo mundo literario, a pintura, a escultura e a música da Coruña, cunha proposta que leva máis de dez tempadas dando voz á cultura local. E Cuak and Roll, Mellor Programa Musical, é un clásico xa das ondas comunitarias da cidade, un espazo que foxe das radioformulas para achegar ao público unha ampla diversidade de xéneros: rock, blues, country, soul, folk, punk ou heavy metal, entre outros.

A noite tivo un dos seus momentos máis aplaudidos coa actuación sorpresa do coro Somos Voces Coruña, con Marian Ledesma como cantante solista e Anxo Seco ao piano, que puxeron a emoción que só a música en directo é capaz de ofrecer.
Palmarés completo dos OSCUACS 2026
| Categoría | Premiado/a |
|---|---|
| Mellor Locutor | Jorge Varela |
| Mellor Locutora | Begoña Picón |
| Mellor Técnico | Chesto Rey |
| Programa Mellor Dirixido | Nubes de Papel |
| Programa Mellor Producido | Estrelados na Estratosfera |
| Mellor Programa de Entretemento | El Malinformado |
| Mellor Programa Musical | Cuak and Roll |
| Mellor Programa Magazine | Put the Break Mister Cupcake |
| Mellor Programa | Malhumorhadas |