- 4 Bandas galegas gañadoras do premio de 600 euros e participación no escenario principal do Festival Noroeste Estrella Galicia
O XX Concurso de Bandas e Solistas organizado pola emisora comunitaria da Coruña, CUAC FM, finalizou o día 2 de xullo de 2018 as votacións dos diversos proxectos recibidos dende todo o Estado Español. O concurso conta co patrocinio en exclusiva do Concello da Coruña o que posibilita aboar todos os custes e premios da presente edición.
Explicamos a continuación o proceso realizado:
Unha vez publicadas as bases para participar na páxina web oficial de CUAC FM e difundidas por diversos medios, participaron nesta edición 101 proxectos. Todas as cancións recibidas (dúas por cada participante) son renomeadas de tal xeito que o xurado non sabe a quen está a votar nin a procedencia das bandas e solistas que escoita. Doce persoas socias de CUAC fixeron un traballo voluntario para establecer unha primeira criba.
Tras ese proceso quedou unha selección de 25 bandas que foron as que obtiveron máis puntuación. Nese momento entraron a votar 4 xurados externos a CUAC FM, persoas con ampla experiencia no mundo da música:
- César Martín (Revista Popular 1)
- Wilma Lorenzo (Sol Música, Rockola FM, Revista Rolling Stone…)
- David Saavedra (Rockdelux, Red Bull Music Channel, La Luna de Metrópoli)
- Pepe Cunha (Radio Filispim e Ábrete de Orellas. Premio Martín Codax da Música)
Tamén participan nesta segunda fase 5 persoas voluntarias de CUAC. Os votos emitidos polos xurados externos teñen unha ponderación do 60% (súmanse os votos e multiplícase por 0,60) e os da xente de CUAC o 40% restante.
Desta votación, as catro bandas con máis puntuación das bandas galegas son, por orde de máis a menos puntos:
- LOLA (Santiago de Compostela)
- Tunduru (A Coruña)
- The Soul Breakers (Pontevedra)
- Elman (A Coruña)
Seguindo as bases do concurso, estas catro bandas recibiron a comunicación da súa clasificación para actuar no escenario da Praia de Riazor do Festival Noroeste Estrella Galicia os días 10 e 11 de agosto. Todas confirmaron a súa participación no festival. Recibirán un premio de 600 euros, excepto Tunduru que obtén o Premio á Mellor Banda Local dotado con 700 euros.
Desta votación tamén sairán os finalistas da Batalla de Bandas, entrando xa na clasificación as bandas non galegas. As premiadas recibirán comunicación nos vindeiros días pero non se farán públicas ata pasado o Festival Noroeste Estrella Galicia. A batalla celebrarase na Sala Mardi Gras o 6 de outubro e as bandas disputan o Primeiro e segundo posto dotados con 800 e 600 euros respectivamente.
Esta XX edición do concurso, para celebrar unha cifra tan sinalada, ofrece un premio extra á Mellor Canción en Galego. Este premio terá unha votación aparte, cun xurado diferente. A canción gañadora darase a coñecer o día 6 de outubro durante a celebración da Batalla de Bandas na Sala Mardi Gras.
E para que conste a todos os efectos oportunos, asínoo a 9 de xullo en A Coruña.
Asdo. Tomás Legido Sánchez
Secretario do Xurado