O grupo malagueño Solzimer alzouse co primeiro premio, dotado con 1.000 euros, na Batalla de Bandas do XXVIII Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM, celebrada este sábado na Sala Mardi Gras da Coruña. O segundo posto, con 900 euros de recompensa, foi para o proxecto barcelonés Vlack Carmen. Aínda queda por coñecerse o nome da banda local gañadora do premio Eva Coyote.
A Sala Mardi Gras acolleu o pasado sábado 19 de setembro a Batalla de Bandas do XXVIII Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM, coa participación de dous proxectos chegados de lonxe —Málaga e Barcelona— que competiron polo primeiro posto, dotado cun premio de 1.000 euros.
Tras as actuacións de Solzimer e Vlack Carmen, seleccionados polo xurado entre as 120 bandas que se presentaron a esta edición do concurso, o xurado decidiu conceder o primeiro premio a Solzimer, de Málaga. Vlack Carmen, pola súa banda, levou o segundo premio, dotado con 900 euros.
Aínda está por desvelar o nome da banda gañadora do premio Eva Coyote á Mellor Banda Local, que se dará a coñecer proximamente.
Dende CUAC FM agradécese á Área de Cultura da Deputación da Coruña o seu apoio económico, que permite que este concurso siga sendo un impulso para os proxectos musicais emerxentes. O agradecemento esténdese tamén ao público asistente e á Sala Mardi Gras.