CUAC FM 

COLECTIVO DE UNIVERSITARIOS ACTIVOS- CUAC

A asociación cultural Colectivo de Universitarios Activos -CUAC- é unha asociación sen ánimo de lucro, fundada en xuño 1995, que traballa fundamentalmente no eido cultural e da comunicación social. CUAC é propietaria da emisora comunitaria CUAC FM que facilita o acceso da cidadanía de forma individual ou organizada a formar parte activa dun medio de comunicación social independente e sen ánimo de lucro.

Os fins de CUAC están relacionados coa creación, promoción e execución de todo tipo de actividades culturais, artísticas e recreativas, e en especial aquelas que garden relación cos medios de comunicación.

A nosa misión é “dar voz a quen non a ten”: desenvolver e defender os dereitos á liberdade de expresión, o libre acceso á información e o dereito da cidadanía á acceder aos medios de comunicación.

A asemblea de CUAC escolle bianualmente a súa Xunta Directiva, que actualmente está conformada polos seguintes membros:

Presidenta: Paula Alonso Carracedo (Heima)
Vicepresidente: Miguel Anxo Facal Rodríguez (Recendo)
Secretario: José Roberto Ansede Rodríguez (El Desinformativo)
Tesoureira: María Jesús García Abeledo (Radio Sénior)
Vogal: Jorge Varela Pardo (EnBoxes)
Vogal: María de la Concepción Maneiro Santamaría (Radio Sénior)
Vogal: Rodrigo Gil Cedillo (Xeración Bravú)

CUAC FM – A RADIO COMUNITARIA DA CORUÑA

Cuac FM é unha radio comunitaria. Unha radio comunitaria é unha emisora privada, sen ánimo de lucro, que ten un fin social: garantir o exercicio do dereito de acceso á comunicación e a liberdade de expresión da cidadanía.

Diríxese e débese á comunidade, cumpre unha finalidade social e está aberta á participación o máis ampla posible respecto á propiedade do medio e o acceso á emisión, así coma ás diversas decisións de programación, administración, financiamento e avaliación, que non ten fins de lucro e que non realiza proselitismo relixioso nin partidista.

En CUAC FM participan persoas físicas e xurídicas, funciona dun xeito participativo e horizontal, a través da asemblea, das coordenadoras e dos grupos de traballo. Todo o que facemos en CUAC FM facémolo dende a colaboración e o voluntariado. Non hai xefes nin persoal contratado.

 

UNHA ACTIVIDADE DIARIA, OS 365 DÍAS DO ANO.

CUAC vén desenvolvendo, dende o ano 1996, unha actividade de emisión radiofónica en directo e continuada os 365 días do ano, a través do dial 103.4 da FM e da web www.cuacfm.org. Nestes máis de 19 anos de emisión, superouse o número de 430 programas, sendo máis de 1.000 as persoas que fixeron radio e innumerables os convidados aos diversos programas. En CUAC FM nunca se ten rexeitado nin un só dos proxectos presentados para a súa emisión.

TRABALLAMOS EN REDE

CUAC FM é unha das radios comunitarias que, a nivel estatal, impulsaron a creación e consolidación, dende o ano 2005 da Rede de Medios Comunitarios (www.medioscomunitarios.net), desenvolvendo importantes funcións de asesoramento legal e representación institucional das radios comunitarias. CUAC é unha entidade socia de AMARC, a Asociación Mundial de Radios Comunitarias (www.amarc.org) e da súa filial europea, AMARC-Europa (http://www.amarceurope.eu).

MÁIS INFORMACIÓN:

Estatutos e documentos internos do Colectivo de Universitarios Activos

Memorias Anuais 

CAMPAÑA #CUAC RESISTE

Historia breve de CUAC FM  

Unha licenza para CUAC FM

Enlaces relacionados: Wikipedia

Estudio de emisión