CUAC FM leva moitos anos empregando Software Libre para realizar a súa defensa do dereito da comunicación. Na tarde do xoves 22 de outubro compartiremos na “I Xornada de boas prácticas con Software Libre nas ONGs e Entidades de Acción Social” como facemos radio sacando proveito de diferentes programas de software libres que nos axudan na creación, produción, publicación e transmisión na nosa emisora de radio.
Esta xornada está organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e ten lugar na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. A inscrición é aberta e de balde.
Isabel Lema (@sabelabranco) e Chema Casanova (@txenoo) impartirán unha palestra titulada “Software libre nunha Radio Comunitaria: o caso de CUAC FM” na que explicaran como unha radio comunitaria, como emisora emisora privada sen ánimo de lucro que ten un fin social garante o exercicio do dereito de acceso á comunicación e a liberdade de expresión da cidadanía.
O contido do relatorio será util para todas aquelas persoas ou entidades sociais que estean interesadas na creación de contidos audiovisuais. Así mesmo farase un percorrido, “a nivel usuario”, das tecnoloxías que nos permiten emitir a través de internet e da nosa páxina web.
CUAC FM ten colaborado no desenvolvemento de Software Libre como é o caso do Sistema de gravación automática RadioCo elaborado para CUAC FM por Iago Veloso (traballo fin de grado da Enxeñaría Informática).
Neste relatorio presentarase a experiencia de CUAC FM no uso de ferramentas libres, que ten permitido as persoas asociadas traballar dende a casa co mesmo software que empregan na emisora e evitando os custes de licenza.
Así mesmo co obxectivo de que sirva para outras entidades do terceiro sector contaremos os fitos que temos superado, as principais problemáticas que nos temos atopado e os retos que temos pensado para o futuro.