Vellenials abrirá a nova tempada de CUAC FM no Auditorio de Afundación

CUAC FM inaugura a súa nova tempada radiofónica cun evento de humor en directo protagonizado por Vellenials (e amizades), o sábado 10 de outubro no Auditorio de Afundación da Coruña, dentro dos actos do 30 aniversario da emisora.

CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña, dá o pistoletazo de saída á súa nova tempada cun evento especial de humor en directo. Baixo o título “Noitiña de risas con Vellenials… e moito máis”, a cita terá lugar o sábado 10 de outubro, ás 20:00 horas, no Auditorio de Afundación, no Cantón Grande da Coruña.

Vellenials é un dos programas da grella de CUAC que está a piques de estrear a súa 6ª temporada en emisión. Nesta ocasión, o seu equipo sae do estudio para ofrecer unha noite de humor en directo ante o público, nun espectáculo que promete risas e sorpresas ao longo da velada.

Vellenials
Tres Vellenials.

O evento enmárcase na celebración do 30 aniversario de CUAC FM, un feito que a emisora está a conmemorar ao longo da tempada. CUAC FM é a radio comunitaria da Coruña, declarada entidade de utilidade pública, que leva tres décadas de emisión en formato asociativo e sen ánimo de lucro. CUAC Fm emite na 103.4 FM para toda a cidade da Coruña e para todo o mundo desde a súa app gratuita e sen publicidade.

A entrada ao evento é gratuíta, aínda que require retirada previa de convite. Os convites poderán conseguirse a través da plataforma online Ataquilla a partir do domingo 4 de outubro.

O acto conta coa colaboración do Concello da Coruña.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir