CUAC FM celebra os seus 30 anos cunha maratón de radio de 30 horas en antena
CUAC FM conmemora o seu 30º aniversario cun maratón de radio de 30 horas ininterrompidas en emisión, con inicio o sábado ás 15:00 horas e remate o domingo pola tarde. Máis de vinte programas da emisora coruñesa participan nesta cita especial, que combina música, entrevistas, ficción sonora, humor e análise mediática nunha das emisións máis ambiciosas da historia da emisora.
A maratón arrinca o sábado ás 15:00 coa presentación do evento e a incorporación de Mi Rollo es el Rock. Ás 16:00, ninputaidea! ofrece un programa concentrado con presentacións de discos novos, cómics, lectura, a presentación dun libro e unha entrevista a unha banda de Barcelona, ademais dunha ollada ao que supuxo para o equipo a súa traxectoria en CUAC FM.
Ás 18:00 chega un dos momentos máis singulares da programación: Ulalume regresa ás ondas tras 25 anos de silencio radiofónico para traer historias arredor do 30º aniversario da emisora, acompañadas de música. Ás 20:00, Music Box recolle o testigo cunha entrega especial na que, despois de 14 anos, volve soar Edgar Cal, produtor e DJ coruñés. Pechando a noite do sábado, Ecuación (21:00) conversa cun profesor de conservatorio e cun chelista-astrofísico, e Loco Iván (22:00) mergúllase nos espectros, tanto o radioeléctrico —indisociable da actividade radiofónica— como calquera outro tipo de presenza espectral.
A madrugada do domingo acolle, entre outras propostas, Tá-se bem na rádio ás 2:00, con dúas horas de análise da actualidade dos medios de comunicación nun formato especial de horario nocturno. Ás 8:00, Music Box regresa cunha segunda entrega a cargo de Iván Pérez, quen mestura en directo versións electrónicas actuais de música procedente de radios españolas das décadas de 1970 a 2000. Ás 9:00, TRECÉPOLIS propón unha nova etapa da súa viaxe sen etiquetas polas músicas do mundo, con escalas en Mali, Islandia e Jamaica, entre outras. Ás 12:00, Radio Parafuso dedica o seu espazo a entrevistas con locutores de programas históricos de CUAC, con especial atención á saúde mental, ao agradecemento e á memoria colectiva da emisora.
A maratón conclúe o domingo pola tarde cun tramo que inclúe Spoiler (16:00), Sueños Diabólicos (17:00), Recendo (18:00) e Nubes de Papel (20:00). A audiencia poderá participar e enviar mensaxes de felicitación e agarimo para a emisora usando o Whatsapp ou Telegram do 644 737 303.
Programación completa
Sábado
| Hora | Programa |
|---|---|
| 15:00 | Presentación + Mi Rollo es el Rock |
| 16:00 | ninputaidea! |
| 17:00 | De los Adoquines a los Alpes |
| 18:00 | Ulalume |
| 19:00 | Internet de tu Color Favorito |
| 20:00 | Music Box |
| 21:00 | Ecuación |
| 22:00 | Loco Iván |
| 23:00 | Estrelados na Estratosfera |
Domingo
| Hora | Programa |
|---|---|
| 0:00 | Estrelados na Estratosfera |
| 1:00 | Cami |
| 2:00 | Tá-se bem na rádio |
| 3:00 | Tá-se bem na rádio |
| 4:00 | 2d6 |
| 5:00 | 2d6 |
| 6:00 | MalhumorHadas |
| 7:00 | MalhumorHadas |
| 8:00 | Music Box |
| 9:00 | TRECÉPOLIS |
| 10:00 | Alegría |
| 11:00 | Radio Relatos |
| 12:00 | Radio Parafuso |
| 13:00 | Radio Parafuso |
| 14:00 | Radio 50 y pico |
| 15:00 | Radio 50 y pico |
| 16:00 | Spoiler |
| 17:00 | Sueños Diabólicos |
| 18:00 | Recendo |
| 19:00 | Recendo |
| 20:00 | Nubes de Papel |