Está a sociedade preparada para persoas neurodiverxentes? Onda Ciencia estrea a súa 4.ª tempada

Imaxe: Iria Botana, Silvia López, Chema Casanova, Betania Groba e Montserrat Muriano.

Comezamos a cuarta tempada de Onda Ciencia, o espazo de divulgación científica froito da colaboración entre a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña (UDC) e CUAC FM. Regresamos ás ondas e ao formato podcast cunha pregunta tan necesaria como complexa: Está a sociedade preparada para as persoas neurodiverxentes?

Neste episodio mergullámonos nun debate que gaña peso día a día nos eidos social, educativo e sanitario. Para entender mellor que supón convivir coa diversidade neurolóxica, Onda Ciencia contou cunha mesa de luxo composta por catro expertas de referencia da UDC, que nos achegan perspectivas desde a psicoloxía, a educación, a terapia ocupacional e as tecnoloxías inclusivas:

ESCOITA O PODCAST DE ONDA CIENCIA

Contido

As expertas analizan no podcast que é a neurodiverxencia e a importancia vital da atención temperá e do diagnóstico. Afondan no papel clave das familias, os recursos dispoñibles e a atención á diverxencia nos centros educativos, tanto nas primeiras etapas como na universidade, a través de títulos como Espazo Compartido. Finalmente, abordan como a tecnoloxía pode facilitar a vida das persoas neurodiverxentes, amosando o impacto de proxectos como “Talentos inclusivos” que se desenvolve no CITIC.

ESCOITA ONDA CIENCIA NA NOSA CANLE DE YOUTUBE

ONDA CIENCIA

Onda Ciencia é un programa de divulgación científica en que persoas investigadoras e docentes da UDC analizan temas de actualidade desde unha perspectiva interdisciplinaria, rigorosa, e cunha linguaxe accesible e pedagóxica.

Nas tres tempadas anteriores, Onda Ciencia puxo o foco en debates xurídicos e sociais de gran calado como a protección xurídica da liberdade sexual, a desinformación ou discurso de odio nos medios e nas RRSS, os retos e potencialidades da Intelixencia Artificial, o coidado da saúde mental, o galego no SXXI,  a xenofobia e o racismo desde unha perspectiva interseccional, urbanismo sustentable, o impacto do cambio climático na Coruña, ou o uso do galego na IA.

Onda Ciencia emítese  os martes ás 13:00 h no 103.4 da FM e no streaming:https://cuacfm.org/directo/.

Podes escoitar e descargar todos os episodios do podcast na páxina web do programa: https://cuacfm.org/radioco/programmes/onda-ciencia/.

Tamén podes revisar todos os episodios de Onda Ciencia nos espazos de CUAC FM en YouTubeSpotifyAcast, ou Ivoox.

EQUIPO TÉCNICO: 

  • Yolanda Golías Pérez M.ª Cristina Naya Riveiro: idea,  proposta de temáticas e preprodución.
  • Isabel Lema Blanco: produción, presentación e condución do programa.
  • Chema Casanova: control técnico.
  • Miguel Anxo Facal: edición, posprodución e difusión nas redes sociais.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir