DLombao

David Lombao

O xornalista lucense DAVID LOMBAO @DavidLombao, director do xornal dixital Praza Pública, será o primeiro participante do ciclo de conferencias nomeado “Observatorio da Comunicación” que CUAC está a organizar no seu XX cumpreanos e que comezará o vindeiro xoves 18 ás 20:00 no local social que CUAC comparte coa AC Alexandre Bóveda.

David Lombao participará nun coloquio co público asistente no que tratará de analizar a situación do sector da comunicación en Galicia, como representante dun dos novos medios galegos e dixitais que naceron durante a actual crise.

O acto está aberto a calquera persoa interesada (entrada libre, aforo limitado) e terá lugar:
Día: XOVES 18 DE FEBREIRO
– Hora: 20:00 HORAS
– Lugar: LOCAL DA A.C. ALEXANDRE BÓVEDA (R/Olmos, 16-18, 1º)

 

O observatorio da Comunicación.

O panorama nos medios de comunicación mudou fondamente nos últimos anos. Os motivos que provocaron este cambio están relacionados coa crise económica que golpeou fortemente ao sector da comunicación e da información. Tamén foi provocado pola cidadanía que demanda uns medios diferentes, cunha maior independencia económica e política, ao mesmo tempo que busca unha información máis especializada e cunha análise máis rigorosa.

Do mesmo xeito, os cambios na lexislación vixente, sirva de exemplo a chamada Lei Mordaza, poden trastornar o modo no que os xornalistas veñen desenvolvendo a súa actividade. Tampouco podemos esquecer que os medios comunitarios seguen traballando para que se recoñeza o seu valor e o seu dereito a comunicar. Se a todo isto lle engadimos a irrupción de novas ferramentas dixitais para a comunicación que, aínda non sendo estritamente novidosas, seguen a alterar os métodos tradicionais, temos o bosquexo da nova situación que afrontan os medios de comunicación.

Dende CuacFm cremos que está situación require dunha análise en profundidade e que non hai ninguén máis indicado para realizalo que os propios medios. É por isto que propoñemos un ciclo de conferencias/palestras na que convidaremos a diferentes medios e asociacións do mundo da comunicación, para que compartan a súa lectura da situación así como as súas estratexias para enxergar cara onde camiña o sector da información e da comunicación.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.