ESCOLA DE RADIO
QUERES FACER UN PROGRAMA DE RADIO EN CUAC FM? FORMÁMOSTE PARA ELO!
CUAC desenvolve anualmente, nas instalacións da Escola de Radio e Asociacionismo (locais do campus da Zapateira), con periodicidade mensual, un programa de formación aberto a calquera colectivo ou persoa interesada en facer un programa de radio, que abarca os contidos relacionados coa locución, realización e produción radiofónicas.
O Curso de Iniciación á Radio é un programa formativo dirixido a persoas sen coñecementos previos de comunicación radiofónica, que se realizan con carácter mensual, cunha duración total de 10 horas (7 teóricas + 3 prácticas). Os contidos do programa formativo son:
- Módulo 1: Asociacionismo e Medios Comunitarios (2 horas);
- Módulo 2: Xornalismo e produción radiofónica (3 horas);
- Módulo 3: Realización e control técnico (2 horas);
- Módulo 4: prácticas de produción e realización nun programa de radio (4 horas).
Durante 2020 e 2021 realizáronse varias accións formativas do módulo 3 para, por unha parte, explicar como producir un programa de forma remota aos nosos programas en emisión e, por outra parte, formar a novos socios e socias. Nesta formación adaptada específica para o periodo de convivencia coa COVID-19 explícanse as particularidades técnicas da nosa emisora e a sistemática a seguir para poder emitir estando cada persoa nunha ubicación diferente con conexión a internet.
O claustro de profesores da Escola de Radio e Asociacionismo de CUAC está composto por: Mariano Fernández, Fernando Souto, Isabel Lema, Paula Alonso, Tomi Legido, Bea Ulalume, Roberto Catoira, Roberto Ansede, Carlos Reguera, Ozzy de Castro, Chema Casanova, Rodrigo Gil, Luis Santillana e Miguel Anxo Facal.
Se queres formar parte de CUAC e acceder ao nosos plans de formación envía un correo a comunicacion@cuacfm.org
ESCOLA DE RADIO E ASOCIACIONISMO
En 2013 comezou a andar un proxecto moi ambicioso que se chama “Escola de Radio e asociacionismo”, e que nace cos obxectivos de:
1) Favorecer o acceso e a participación activa da cidadanía aos medios de comunicación social co fin de promocionar e difundir a cultura galega a través das radios comunitarias;
2) Adquirir coñecementos básicos sobre radiodifusión: locución, realización e produción radiofónicas, e mellorar a formación en comunicación social e xornalismo dos socios/as de CUAC e da cidadanía interesada en desenvolver un proxecto radiofónico;
3) Favorecer o coñecemento e dominio das técnicas de dinamización sociocultural.
As novas instalacións da Escola de Radio e Asociacionismo foron inauguradas o pasado decembro de 2015 polo Alcalde de A Coruña, D. Xulio Ferreiro e Dna María Xosé Martínez, Vicerreitora de Estudantes da Universidade da Coruña (entidade propietaria das instalacións), .
están compostas por 3 espazos de reducidas dimensións cedidos pola Universidade da Coruña, en concreto pola xestión da Vicerreitoría de Estudantes. Hai un aula de formación técnica (radiofónica), outra de formación teórica e un pequena biblioteca e espazo para xestión. Cada espazo foi bautizado con nomes que mañá serás desvelados durante a inauguración.
A Escola de Radio e Asociacionismo desenvolve os seguintes actividades:
- Formación de iniciación á radio (formación impartida nas instalacións de CUAC FM con carácter mensual).
- Obradoiros de producción radiofónica e podcasting para diferentes entidades (Centro Ágora, Universidade da Coruña, NORMAL Espazo de Intervención Cultural, FEGAUS, Radio Fedello de Ourense). O programa inclue formación básica en radiofonía (produción, locución e control técnico), comunicación e medios comunitarios.
- Colaboración co Centro Penitenciario de Monterroso e a ONG Aliad-Ultreia dentro do programa de animación sociocultural “xerando oportunidades de participación en prisión”, emitindo os programas de Radio LibreMente resultado da actividade iniciada o ano pasado e descrita no apartado de Programación Especial con Entidades non Asociadas.
- Colaboración coa Radio dos Gatos da Confederación ASPACE. Durante o verán e outono de 2015 estableceuse unha colaboración entre CUAC FM e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE). Consistíu en varias visitas dalgúns dos integrantes de CUAC FM ás instalacións desta asociación en Casteliño (Sada), debidas a que fomos coñecedores de que levaban varios anos facendo un programa de radio semanal chamado “La Radio de los Gatos”. A finais de setembro un integrante de CUAC FM foi dar aos usuarios que participan no programa de radio unha breve charla cuns consellos básicos sobre a locución en radio e sobre a produción de programas de radio.
- Taller de expresión artística. Realizado en colaboración coa equipa de psicópedagogos e educadores sociais da Fundación Xoán Soñador da Coruña, dentro do programa socio-educativo “Na rúa“, dirixido a menores en situación de risco ou exclusión social. A colaboración consistiu no dinamización dun taller de radio e gravación no estudo Alexandre Bóveda de CUAC FM dunha radionovela creada, escrita e interpretada por un grupo de mozos participantes do programa.