
Comezamos a cuarta tempada de Onda Ciencia, o espazo de divulgación científica froito da colaboración entre a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña (UDC) e CUAC FM. Regresamos ás ondas e ao formato podcast cunha pregunta tan necesaria como complexa: Está a sociedade preparada para as persoas neurodiverxentes?
Neste episodio mergullámonos nun debate que gaña peso día a día nos eidos social, educativo e sanitario. Para entender mellor que supón convivir coa diversidade neurolóxica, Onda Ciencia contou cunha mesa de luxo composta por catro expertas de referencia da UDC, que nos achegan perspectivas desde a psicoloxía, a educación, a terapia ocupacional e as tecnoloxías inclusivas:
- Silvia López Larrosa, especialista en intervención familiar e coordinadora do Grupo de investigación en Intervención Psicosocial e Rehabilitación Funcional.
- Montserrat Muriano Rodríguez, directora académica de Espazo Compartido, o estudo propio da UDC para a autonomía e empregabilidade das persoas con discapacidade intelectual
- Iria Botana Lois, experta en atención temperá e intervención en dificultades de linguaxe e neurodesenvolvemento, membro do Grupo de investigación en Psicoloxía do Desenvolvemento e da Aprendizaxe Escolar.
- Betania Groba González, terapeuta e investigadora en tecnoloxías inclusivas no grupo TALIONIS e no CITIC.
ESCOITA O PODCAST DE ONDA CIENCIA
Contido
As expertas analizan no podcast que é a neurodiverxencia e a importancia vital da atención temperá e do diagnóstico. Afondan no papel clave das familias, os recursos dispoñibles e a atención á diverxencia nos centros educativos, tanto nas primeiras etapas como na universidade, a través de títulos como Espazo Compartido. Finalmente, abordan como a tecnoloxía pode facilitar a vida das persoas neurodiverxentes, amosando o impacto de proxectos como “Talentos inclusivos” que se desenvolve no CITIC.
ESCOITA ONDA CIENCIA NA NOSA CANLE DE YOUTUBE
ONDA CIENCIA
Onda Ciencia é un programa de divulgación científica en que persoas investigadoras e docentes da UDC analizan temas de actualidade desde unha perspectiva interdisciplinaria, rigorosa, e cunha linguaxe accesible e pedagóxica.
Nas tres tempadas anteriores, Onda Ciencia puxo o foco en debates xurídicos e sociais de gran calado como a protección xurídica da liberdade sexual, a desinformación ou discurso de odio nos medios e nas RRSS, os retos e potencialidades da Intelixencia Artificial, o coidado da saúde mental, o galego no SXXI, a xenofobia e o racismo desde unha perspectiva interseccional, urbanismo sustentable, o impacto do cambio climático na Coruña, ou o uso do galego na IA.
Onda Ciencia emítese os martes ás 13:00 h no 103.4 da FM e no streaming:https://cuacfm.org/directo/.
Podes escoitar e descargar todos os episodios do podcast na páxina web do programa: https://cuacfm.org/radioco/programmes/onda-ciencia/.
Tamén podes revisar todos os episodios de Onda Ciencia nos espazos de CUAC FM en YouTube, Spotify, Acast, ou Ivoox.
EQUIPO TÉCNICO:
- Yolanda Golías Pérez e M.ª Cristina Naya Riveiro: idea, proposta de temáticas e preprodución.
- Isabel Lema Blanco: produción, presentación e condución do programa.
- Chema Casanova: control técnico.
- Miguel Anxo Facal: edición, posprodución e difusión nas redes sociais.