CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña que emite no 103.4 FM, presenta a actualización máis importante da súa aplicación móbil desde o seu lanzamento. A nova versión, dispoñible para Android e iOS, chega coincidindo co 30 aniversario da emisora e incorpora un redeseño completo, novas funcionalidades e melloras técnicas para achegar a programación de CUAC a todo o mundo, en directo e baixo demanda.
Tras anos sen cambios de calado, a app de CUAC FM renace cunha nova imaxe e un feixe de funcionalidades pensadas para mellorar a experiencia das persoas oíntes. A actualización supón o maior salto da historia da aplicación e enmárcase na celebración do trixésimo aniversario da emisora.

Un novo deseño de arriba abaixo
A primeira novidade que percibirán as persoas usuarias é visual: a interface foi redeseñada por completo, cunha nova tipografía que mellora a lexibilidade e un aspecto máis moderno e coherente. Ademais, realizáronse melloras visuais nas pantallas de reprodución, programas e episodios.
No primeiro uso, a app dá a benvida cunha pantalla inicial na que cada persoa pode seleccionar as categorías e os programas que máis lle interesan, para ter acceso rápido ao que realmente importa desde o primeiro momento que se instala a aplicación. É unha nova forma de achegarse ao extenso catálogo de podcasts de CUAC FM.
Novas funcionalidades para non perder nada

A actualización incorpora varias ferramentas pensadas para seguir mellor a programación de CUAC FM. Desde agora é posible marcar programas como favoritos e acceder a eles rapidamente, así como crear unha lista de reprodución personalizada para gardar episodios e escoitalos cando conveña, unhda das funcionalidades máis demandadas pola audiencia da emisora.
Unha das novidades máis útiles é o sistema de alertas: a app pode enviar unha notificación cando un programa publica un novo episodio, para que ningunha entrega quede sen escoitar. Cada usuario pode escoller os programas dos que desexa recibir as alertas, que chegarán cun breve resumo do episodio. As alertas tamén se poderán pausar.
Máis idiomas e outras melloras
A app incorpora un novo selector de idioma e engade o portugués á lista de linguas dispoñibles, sumándose ao galego, castelán e inglés xa existentes. Desta forma, a emisora comunitaria da Coruña, quere achegarse a audiencia que ten repartida por todo o mundo. A actualización inclúe ademais corrección de erros e melloras xerais de estabilidade para garantir un funcionamento máis fluído.

A app de CUAC é da autoría de Fernando Souto e o redeseño foi obra de Miguel Anxo Facal, Fernando Souto e Chema Casanova; todos membros da Coordinadora de Tecnoloxía desta casa.
A app de CUAC FM está dispoñible de forma gratuíta nas tendas de aplicacións. Descárgaa e únete á comunidade da radio comunitaria da Coruña.