Ilustración que representa a Twitter e Elon Musk
Ilustración que representa a Twitter e Elon Musk.

Queridas e queridos todos,

Cuac quere contarvos que marchamos de X. Si, marchamos. E xa de paso convidámosvos aos que nos seguides a marchar tamén. Non é que tivésemos moitísimos haters, nin que fósemos a diana de moitos ataques na rede que menos ten de social; non é que non gozásemos dela no seu momento ou que non sigamos a persoas e colectivos moi interesantes a través dela. O problema é que chegamos a un punto no que consideramos que o mero feito de manterse en X é ser cómplice de todo o que nesta casa tratamos de combater.

Cuac non pode estar nun sitio que fai da polarización, o discurso de odio e as noticias falsas a súa práctica habitual. Somos un medio comunitario que aposta por incluír, por construír e pola proximidade; e queremos utilizar ferramentas coherentes para con estes obxectivos. Lamentablemente, X xa non o é.
Pero pensamos que con marchar non abonda, que como radio comunitaria é a nosa obriga facer un pouquiño máis que simplemente marchar. Non está na nosa man facer que Elon Musk comprenda que non todo vale para facer cartos, nin que os haters de todo tipo que campan ás súas anchas pola plataforma busquen unha vida propia e deixen de amolar, pero o que si podemos facer e pedirvos que nos acompañedes e que marchedes tamén.

Obviamente, non somos luditas nin pretendemos deixarvos sen o tipo de comunicación que faciamos neste trebello. Marchamos, si, pero para unha casa nova, sen algoritmo maligno e máis parecida a Twitter do que é X: Bluesky.

Non estamos sós. Moitas outras persoas, colectivos e institucións están facendo o mesmo. Mudamos a unha rede social menos tóXica e que, polo que sabemos, ten a intención de facer as cousas ben.
Nas vindeiras datas despedirémonos de X cunha campaña de sensibilización na que comunicaremos e vos convidaremos a unirvos ao noso eXit.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.