Néctar levaron o primeiro premio e Twin Forest o segundo, nun dos resultados máis igualados nos últimos anos.
A noite do sábado 12 de outubro foi a elexida na XXVI edición do Concurso de bandas e solistas de CUAC FM para a celebración da batalla de bandas.
O premio Eva Coyote á Mellor banda local foi para Bad Whiskey que recolleron o premio no descanso entre as duas actuación e ofrecerán un concerto nos vindeiros meses para celebrar este premio coa afección.
Non resultou nada doado para o xurado de CUAC FM elexir entre as duas bandas pola súa calidade e tamén polo diferente da súa proposta sobre o esceario. Finalmente, a balanza tivo que chegar a un desempate e o primeiro premio foi para os madrileños Néctar (con algún compoñente coruñés) e o segundo para os valencianos Twin Forest.
Grazas ao público asistente poderemos facer entrega de máis de 300 euros á Cociña Económica.
O concurso acadou a súa 26ª edición grazas á colaboración económica da Deputación da Coruña. Tamén queremos agradecer á sala Mardi Gras poder celebrar este concerto en pleno XXV aniversario da sala de Monte Alto. Parabéns!