CUAC FM trasládase ao Palco da Música para dar cobertura ao Día da Ciencia na Rúa 2026

O vindeiro sábado 9 de maio, CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña, sairá de novo á rúa. Co gallo da celebración da 30 edición do Día da Ciencia na Rúa, CUAC FM emitirá un programa especial, en directo, desde os Cantóns da Coruña, ubicando seu estudo de emisión de radio en exteriores no icónico Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez.

Baixo a batuta de Isa Lema, Samu Cao e Cami Rey, o programa dará comezo ás 11:00 horas e rematará ás 14:00 horas. 3 horas de radio en directo para achegar a ciencia, a tecnoloxía e o coñecemento a toda a cidadanía, cun ollo posto no ceo e outro nos desafíos sociais do noso tempo.

A eclipse de agosto de 2026: protagonista absoluta

A poucos meses do gran evento astronómico do ano, a eclipse solar do 12 de agosto, dedicaremos unha parte fundamental da nosa emisión a entender este fenómeno. Contaremos coa Asociación ÍO e a presenza de Óscar Blanco (que leva 9 eclipses ás súas costas), xunto a Carmen Denébola e Ángel Daniel Arós, para darnos as claves de como gozar da eclipse sen desesperar no intento. Ademais, a Universidade da Coruña (UDC), representada pola Vicerreitora de Vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya, e a coordinadora da  Unidade de Divulgación Científica, Yolanda Golías, detallaranos as actividades que a universidade está a planificar arredor da astronomía e a divulgación científica para os vindeiros meses.

Ciencia con conciencia e compromiso social

Este ano, a ciencia non só se mira a través do telescopio. Recibiremos á doutora arquitecta e urbanista Patricia Muñiz Núñez (Premio Xoán Vicente Viqueira da Deputación da Coruña), presidenta da ONGD Habitamos, para falar sobre a vivenda en situación de conflito e emerxencia, analizando o seu traballo en Mozambique. Acompañaranos Luciano Alfaya, Decano do COAG, con quen afondaremos sobre e a importancia da sustentabilidade e a visión humanística na planificación urbanística, como garante do dereito á vivenda.

Somerxerémonos no futuro dixital co CITIC-UDC. Xabier Pérez-Couto, Paloma Piot e Irene Brage amosaranos como a Intelixencia Artificial axuda a recoñecer manchas solares, como a realidade virtual nos permite navegar pola galaxia co telescopio Gaia e como a robótica cognitiva pode ser unha ferramenta de inclusión a través do proxecto Talentos Inclusivos.

Os centros educativos: o corazón do programa

O Palco da Música será o punto de encontro para o estudantado e o profesorado que amosarán os seus experimentos en directo:

  • IES Ortigueira: O lanzamento de satélites CANSAT e experimentos colorimétricos.
  • Colexio Calasanz: A revolución do hidróxeno verde.
  • IES A Sardiñeira: Demostracións científicas e ambiente escolar.
  • CPR Chíos: Un obradoiro vital de primeiros auxilios e dignificación dos coidados de enfermaría.
  • CPR Liceo La Paz: Drawbots con materiais reciclados, maquetas de ecosistemas e divulgación científica.
  • CEIPP Vicente Otero Valcárcel de Carral: O talento máis novo vindo directamente dende a comarca.

Radio a pé de rúa

Non faltará o pulso do que sucede fóra do palco. Os nosos equipos de reporteiros e reporteiras compostos por Estela, Hortensia, Chus, Avelino, Yosi e Paula, percorrerán todas as jaimas do Día da Ciencia na Rúa, para recoller o ambiente, entrevistar aos visitantes e coñecer as súas impresións sobre esta feira científica que cumpre este ano o seu 30 aniversario, ao igual que CUAC FM 🙂

E todo isto non sería posible sen o enorme equipo técnico e de producción de CUAC FM que se despregará o sábado para facer a súa 12 edición deste especial do día da ciencia na rúa: Mariano Mr. Bugalú, Chema Casanova, Roberto Ansede, Jorge Delgado, Roberto Garea, Illana Fernández, Miguel Anxo Facal, Bea Ulalume e Tomi Desastre. Este ano contaremos, ademáis, cun novo membro en prácticas: David Rey.

Acompáñanos! Sintoniza o 103.4 FM na Coruña, escóitannos a través de cuacfm.org ou vén vernos ao Palco da Música. A ciencia vívese mellor na radio comunitaria!

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir