O Encontro Estatal de Medios Comunitarios 2026 arrincará na Coruña cunha reflexión sobre o futuro do ecosistema mediático

O Encontro Estatal de Medios Comunitarios, ReMCuentro 26, inaugurará as súas xornadas o vindeiro venres 17 de abril ás 18:30 horas no espazo NORMAL da Universidade da Coruña. O acto abrirá co coloquio “Democratización mediática: utopía ou realidade? Retos, barreiras e oportunidades para a transformación do ecosistema mediático”, un debate con voces de referencia do xornalismo, a historia e a investigación en comunicación.

A cidade da Coruña acollerá o vindeiro 17 de abril o ReMCuentro 26, o encontro anual da Red Estatal de Medios Comunitarios (ReMC), organizado este ano por CUAC FM no marco do seu 30 aniversario. O programa inaugural, que dará comezo ás 18:30 no espazo NORMAL da Universidade da Coruña, incluirá un acto de apertura seguido dun coloquio aberto ao público que situará no centro do debate unha pregunta clave: pode a democratización dos medios de comunicación ser algo máis ca unha utopía?

cartel Remcuentro 2026

Ás 19:00 arrancará o coloquio “Democratización mediática: utopía ou realidade? Retos, barreiras e oportunidades para a transformación do ecosistema mediático”, con tres voces de referencia no ámbito da comunicación e a historia dos medios.

Alfonso Hermida é xornalista coruñés, licenciado en Periodismo pola Universidade Complutense de Madrid. Entre 1994 e 2020 formou parte das redaccións de deportes e informativos da Televisión de Galicia (TVG), onde foi recoñecido co Premio Mestre Mateo ao mellor comunicador en 2003. Na actualidade traballa en comunicación corporativa e divulgación histórica.

Salomé Herce é xornalista, antropóloga e consultora especializada en comunicación con propósito para o cambio social, con máis de dúas décadas de traxectoria no sector. Na actualidade é responsable de comunicación contra o discurso de odio e as campañas de desinformación na Secretaría de Estado de Comunicación, con sede no Palacio de la Moncloa. Tamén impulsa Sacalomejor, unha iniciativa de acompañamento en comunicación orientada a organizacións e proxectos con impacto social.

José Emilio Pérez Martínez é xornalista e historiador, doutor en Historia Contemporánea e en Periodismo pola Universidade Complutense de Madrid e profesor na Universidade Rey Juan Carlos de Madrid. É presidente da URCM (Unión de Radios Libres y Comunitarias de Madrid) e membro de RICCAP. A súa investigación céntrase na historia da radiodifusión española, cunha especial atención ás radios libres e comunitarias, e é autor do libro La voz de las sin voz.

A moderación do coloquio estará a cargo de Isabel Lema Blanco, investigadora e profesora universitaria, co-fundadora de RICCAP (Red de Investigación en Comunicación Comunitaria, Alternativa y Participativa) e ex-presidenta de CUAC FM entre 2003 e 2006. Lema conta cunha ampla traxectoria investigadora nas políticas de comunicación e o papel dos medios comunitarios, e é membro do consello asesor de AMARC-Europa (Asociación Mundial de Radios Comunitarias).

A inauguración é un acto aberto ao público e constituirá o arranque das xornadas do ReMCuentro 26, que se desenvolverán ata o domingo 19 de abril entre NORMAL e outros espazos da Universidade da Coruña.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir