- Scarecröw e Leria clasificados para actuar no Festival Noroeste
- Marga Sur de Granada e AWY da Coruña actuarán na Batalla de Bandas
- Crowded gaña o Premio Eva Coyote á Mellor Banda local
O xurado do vixesimosétimo Concurso de Bandas e Solistas organizado pola emisora comunitaria da Coruña, CUAC FM, finalizou o día 30 de xuño de 2025 as votacións do citado concurso ao que se presentaron 125 proxectos nesta edición.
O xurado estivo composto por persoas de diversos programas de CUAC FM nunha primeira selección. Na segunda fase contamos con tres xurados externos, persoas cunha longa traxectoria no mundo da música así como seis persoas de CUAC FM O xurado externo foron nesta edición César Martín, director da Revista Popular 1; María Canet, periodista musical en medios como Efe Eme e Pepe Cunha, comentarista musical e director de Ábrete de Orellas, proxecto de web e programa de radio.

Tras esas votacións, e seguindo as bases do concurso, as duas bandas galegas con máis puntuación clasificábanse para actuar no Festival Noroeste Estrella Galicia. Curiosamente foron duas bandas da cidade da Coruña: Scarecröw e Leria.
A Batalla de bandas celebrarase o vinte de setembro na Sala Mardi Gras. O primeiro premio, dotado con mil euros, e segundo con novecentos, grazas á Deputación da Coruña, serán para Marga Sur dende Granada e os tamén coruñeses Another Wasted Year que acortan o seu nome a AWY. Tras a actuación o xurado decidirá quen leva cada un dos premios mencionados.
Xa en 2026, en plenas celebracións do trinta aniversario de CUAC FM, o luns de entroido actuarán Crowded, que gañan o Premio Eva Coyote á Mellor banda local.
Finalmente, ante calquera indicencia das bandas anteriormente citadas quedan duas suplentes que son Kinss x deica dende Teo e Terror Milk de Madrid.