
- Episodio 3X04 “O galego no século XXI: accións e retos”
- Xosé Manuel Sánchez Rei, e Xesús Manuel Mosquera Carregal analizan a situación actual do galego nun novo ONDA CIENCIA que pon o foco nas políticas públicas
- Analizamos o papel da propia universidade e o seu servizo de normalización lingüística na promoción do galego nas aulas e na ciencia.
Ante unha situación de “emerxencia lingüística”, e cunha sociedade cada vez máis sensibilizada e preocupada polo descenso do uso do galego, tamén nos contextos educativos, é preciso facer unha diagnose pausada acerca dos factores que incidiron na perda do uso do galego, así como das accións políticas e educativas que cumpriría adoptar para reverter esta situación. Falamos con tres expertos da Universidade da Coruña:
- Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor titular na Universidade da Coruña na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa. Membro do Grupo de Investigación Lingüistica e Literaria Galega (ILLA). O seu campo de estudo é a gramática da lingua galega actual e a linguaxe literaria contemporánea.
- Iria Sobrino Freire, profesora do Dpto. de Didácticas Específicas e Métodos de Investigación e Diagnóstico e membro do Grupo de Investigación Lingüistica e Literaria Galega (ILLA).
- Xesús Manuel Mosquera Carregal, filólogo e técnico do Servizo de Normalización Lingüística da UDC.
ESCOITA O PODCAST DE ONDA CIENCIA
Contido do programa
Os investigadores e expertos participantes no cuarto episodio de ONDA CIENCIA coinciden en cualificar a situación actual do galego como de “emerxencia lingüística” e cuestionan o papel xogado polas institucións – especialmente a Xunta de Galicia– na promoción do galego entre a mocidade e no conxunto da sociedade.
Apuntan a que en Galicia parece non respectarse debidamente a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, poñendo o foco no impacto do chamado “decreto do plurilingüismo”. Ante esta situación, estase a promover en Galicia un novo plan xeral de normalización da lingua galega, de cuxo consenso depende o cambio de rumbo da política lingüística.
O programa aborda tamén o papel dos equipos e servizos de normalización lingüística e as diferentes iniciativas e accións de impulso do uso do galego no ensino, tanto obrigatorio como superior, destacando as propostas de innovación pedagóxica para a promoción da lingua impulsadas polo propio estudantado galego e a irrupción dos novos creadores e creadoras de contidos audiovisuais que están apostando pola nosa lingua para divulgar as súas creacións e produtos nas redes sociais.
ESCOITA ONDA CIENCIA
ONDA CIENCIA pode escoitarse os martes ás 13:00 horas no 103.4 da FM e na nosa web (streaming) https://cuacfm.org/directo/
Podes escoitar e descargar todos os PODCASTS na páxina web do programa
https://cuacfm.org/radioco/programmes/onda-ciencia
Tamén podes revisar os episodios das tres tempadas de ONDA CIENCIA nos espazos de CUAC FM en Youtube, Spotify, Acast, ou Ivoox.
EQUIPO TÉCNICO:
- Yolanda Golías Pérez e M.ª Cristina Naya Riveiro: idea, proposta de temáticas e expertas.
- Isabel Lema Blanco: produción, presentación e condución do programa.
- Chema Casanova: control técnico do programa.
- Miguel Anxo Facal: edición, posprodución e difusión en redes sociais.