CUAC FM explora a intelixencia artificial na radio comunitaria no Encontro Estatal da ReMC na Coruña

O Encontro Estatal de Medios Comunitarios da ReMC, que se celebra na Coruña organizado por CUAC FM, acollerá un taller práctico sobre intelixencia artificial aplicada á radio comunitaria. Será unha sesión pensada para achegar estas ferramentas ao día a día das emisoras sen perder a mirada crítica sobre o seu impacto.

A intelixencia artificial está a entrar con forza en ámbitos moi diversos, tamén no da comunicación e a produción sonora. Para as radios comunitarias, que traballan con recursos limitados pero cun forte compromiso social, este cambio abre posibilidades novas ao tempo que formula preguntas importantes sobre o seu uso.

No marco do Encontro Estatal de Medios Comunitarios da rede ReMC, CUAC FM organiza o taller “IA aplicada á radio comunitaria”, unha proposta pensada para achegar estas ferramentas ás persoas que traballan en emisoras de todo o Estado, sen necesidade de coñecementos técnicos previos.

A sesión será impartida por Chema Casanova, Fernando Souto e Isa Lema, membros da propia emisora, e terá un formato participativo no que se combinarán explicacións, demostracións en directo e un espazo final de debate e posta en común.

A idea non é só mostrar ferramentas, senón tamén abrir unha conversa sobre como se están integrando estes sistemas no traballo diario das radios. Desde o apoio na redacción e tradución de contidos ata a transcrición automática de programas ou a xeración de descricións para arquivos sonoros, a IA xa está a modificar procesos que ata agora eran completamente manuais.

O taller tamén abordará cuestións clave como a privacidade dos datos, o funcionamento dos modelos na nube fronte ás opcións locais ou o papel do software libre neste novo ecosistema. Haberá espazo para reflexionar sobre ata que punto estas tecnoloxías poden complementar o traballo humano sen substituír a voz editorial das emisoras.

Un dos puntos destacados será a experiencia de CUAC FM con proxectos reais, como Las Noticias de A Coruña, considerado o primeiro noticiario xerado con intelixencia artificial no Estado. Tamén se analizará o comportamento destes sistemas con linguas como o galego e o castelán, especialmente relevante para as radios do contexto galego.

A actividade pecharase cunha demostración en directo e unha dinámica colectiva para recoller experiencias, necesidades e propostas das emisoras participantes, co obxectivo de seguir construíndo coñecemento compartido dentro da rede de medios comunitarios.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir