O podcast de CUAC FM Estrelados na Estratosfera, presentado por Víctor Fernández e Iván Pensado, foi galardoado co premio á mellor identidade visual no II Festival de Podcast organizado pola Asociación de Emisoras Municipais Galegas (Emuga), celebrado este venres 13 de xuño en Fene.
O II Festival de Podcast de Emuga chegou á súa fin este venres en Fene coa entrega de 15 galardóns a outros tantos traballos. Entre os premiados, CUAC FM tivo motivos para celebrar: o equipo de Estrelados na Estratosfera, o programa conducido por Víctor Fernández e Iván Pensado, recibiu o recoñecemento á mellor identidade visual do certame, patrocinado pola empresa Deleite.

O galardón ao mellor podcast do festival foi para A ferida aberta no 36, de Nuria López, un traballo de recuperación da memoria histórica que o xurado —formado por expertos en comunicación, profesores universitarios e locutores de radio— destacou polo seu rigor, o seu labor de documentación e a voz que lle dá a familiares, historiadores e investigadores. O premio do público, decidido por votación popular, recaeu en Sábados no Cruceiro. Os retos das cidades sostibles do futuro, dos profesores da Universidade da Coruña Joaquín Enríquez, Begoña Álvarez e José Javier Orosa, xunto coa investigadora Andrea Bello.
O festival, que xira arredor do papel do podcast na radio local e municipal, contou tamén cunha mesa redonda sobre o futuro do formato e cunha sesión de debate sobre intelixencia artificial e sociedade, e rematou coa actuación do grupo de cantos de taberna Son d Cantos, de Mugardos.