🏖️ CUAC FM tamén no verán: 8 podcasts galegos para desfrutar nas túas vacacións

O verán é tempo de descanso, de viaxes, de relax e de desconexión… ou non tanto. Porque tamén pode ser unha oportunidade perfecta para descubrir novos contidos, rir a cachón, aprender algo novo ou simplemente deixarse acompañar por boas voces mentres tomamos o sol ou paseamos pola beira do mar. En CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña, sabemos que a radio é a compañeira de viaxe perfecta. Por iso, aínda que moitos dos nosos programas fan unha pausa estival, queremos seguir formando parte do teu día a día.

Desde o humor máis retranqueiro até a música máis selecta, pasando pola actualidade, o feminismo, a ciencia ou o mundo do motor, temos unha grella chea de contido feito con cariño, compromiso e liberdade. Por iso, seleccionamos 8 programas de CUAC FM ideais para escoitar nas vacacións. Están dispoñibles online e podes levalos no móbil, na mochila ou nos auriculares, sexa cal sexa o teu destino este verán.

Estrelados na Estratosfera: o caso Altri

Dous astronautas matan o tempo na estratosfera falando dos temas máis variados. Neste episodio que vos propoñemos, Iván e Víctor contan coa axuda de Mateo Pasantes, enxeñeiro forestal, para debullar o caso Altri. Todo isto dende os datos presentados pola empresa e a Xunta, datos que, tras un pequeno análise, non se sustentaron.

Music Box, descubrindo o Afro Flamenco

Music Box tráenos cada sábado a electrónica á sintonia de CUAC. Neste episodio que seleccionamos, Iván tráenos o mellor do Afro Flamenco, un novo estilo que está triunfando no mundo hispanofalante.

El Malinformado: serás quen de descubir as noticias falsas?

Esta temporada estreouse en CUAC ‘El Malinformado’ un programa que xoga coa actualidade -e coas mentiras- para entreter e divertir. Escoita este episodio coas túas amizades e cóntanos se conseguíchedes adiviñar que novas son falsas!

Valaí Vai con Marita Martinez e Lucia Veiga: Irmás de risa e irmás de vida

Velaí Vai é un programa de entretemento que ofrece unha mistura de humor, actualidade e reflexións sobre a vida cotiá. Tertulias sobre temas diversos, xogos, preguntas e experiencias persoais. Neste episodio, conta con dúas mulleres que non precisan presentación!

Escape Motor: especial cos pilotos Adrián Díaz e Daniel Cierto

Escape Motor é o programa de motor das noites de xoves de CUAC FM. Neste episodio especial estiveron acompañados de Adrián Díaz, cuarto clasificado do Rally de Pontevedra copilotado por Sara Fernández . Tamén contaron co piloto de 15 anos Daniel Cierto que está correndo a súa 2ª temporada no Campionato Galego de Autocross.

MalhumorHadas con Alejandro Jato, Mondra, Irene Medín e Alex Nock

As MalhumorHadas ocúpanse de cousas importantes cada sábado pola mañá, apoiando proxectos e movementos sociais con diferentes causas e obxectivos. Todo isto con moito humor (bo e malo) e con moita música e diversión. Este episodio que vos recomendamos non puido ser máis especial: mirade a listaxe de convidadas!

Alegría, actualidade que segue de actualidade.

Alegría é un dos programas veteranos da emisora. En cada episodio repasan a actualidade semanal e tráennos entrevistas sobre cousas que precisan ser contadas. Neste episodio, Chus e Belén, veterinarias, falan sobre a protesta contra a normativa de medicamentos veterinarios RD 666/2023.

Onda Ciencia: a situación do galego

ONDA CIENCIA é un proxecto de divulgación científica en formato radio e podcast, desenvolvido pola Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña e CUAC FM. Neste episodio, expertos e expertas da UDC analizan e explican a situación de emerxencia do galego. Coinciden en cualificar a situación actual do galego como de “emerxencia lingüística” e cuestionan o papel xogado polas institucións – especialmente a Xunta de Galicia– na promoción do galego entre a mocidade e no conxunto da sociedade.

E se queres música tamén temos algo para ti. Conéctate a CUAC FM porque durante o verán emitimos unha selección musical especial para acompañarte darante estes días de calor. A mellor calidade de audio e sen publicidade esteas onde esteas.

Queres máis comodidade? Descarga a nosa app para Android e iOS: de balde, sen anuncios e coa tranquilidade de apoiar un medio comunitario feito por xente coma ti.

Se este verán buscas algo diferente que che faga sorrir, pensar ou descubrir novas voces, xa ves que en CUAC FM temos o que precisas. Escoitar radio comunitaria da Coruña é tamén unha forma de apoiar proxectos feitos desde abaixo, con paixón e sen ataduras de ningún tipo. Así que mete estes programas na túa maleta sonora, dálle ao play e deixa que a onda comunitaria te acompañe este verán.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir