A radio comunitaria da Coruña chega por segunda vez á final seleccionada polo xurado profesional
Os prestixiosos Premios Martín Codax da música galega chegan á súa duodécima edición. O mércores 28 de maio será a Gala na que entregarán os Melómanos e Melómanas aos mellores proxectos nas múltiples categorías. Ademais de múltiples categorías para os diversos estilos musicais tamén se entregan premios aos Mellores proxectos de comunicación musical. E nesta edición, entre os numerosos proxectos que se presentaban, o xurado seleccionou a CUAC FM 103.4, a radio comunitaria da Coruña como finalista por segunda vez (a primeira en 2023).
A emisora situada no Campus Universitario leva dende 1996 realizando unha importante tarefa de difusión da música galega con múltiples programas especializados. Na actualidade, programas como Mi rollo es el Rock, Frecuencia Electrónica, Music Box, Cuak N Roll ou Orión 2.1 levan semanalmente a información do que sucede na escena galega ás ondas coruñesas.

Ademais, está agora mesmo en fase de recepción de cancións a 27ª edición do concurso de Bandas e solistas, sen dúbida o máis lonxevo de Galicia e de gran parte de España. Co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello da Coruña xa que dous proxectos participan no Festival Noroeste Estrella Galicia, os proxectos con ata 15 cancións editadas poden presentarse ata o 26 de maio. Os detalles están na web da emisora cuacfm.org onde tamén podese escoitar a emisión, os podcast e incluso asociarse e realizar un programa. A radio está aberta a toda a cidadanía.
O prazo para votar finaliza o 25 de maio. Débese votar a un mínimo de 5 categorías.
Dende o ano pasado, nos premios Martín Codax pode votar calquera persoa que o desexe. Unha parte importante da decisión final corresponde a ese voto popular, o resto, ás socias de Músicas ao Vivo. Quen desexe apoiar á candidatura de CUAC FM debe rexistrarse na web oficial dos premios e votar polo menos en 5 categorías para que o voto sexa válido. Paga a pena adentrarse na web ainda que só sexa por coñecer o amplísimo panorama musical galego. Esta é: https://premiosmartincodaxdamusica.gal/inicio O prazo para votar finaliza o día 25 de maio.