CUAC FM presentou hoxe na Coruña o programa de actividades do seu 30 aniversario

A radio comunitaria CUAC FM celebra en 2026 os seus 30 anos en antena cun amplo programa de actividades abertas á cidadanía que se desenvolverán ao longo de todo o ano en A Coruña. Concertos, encontros de medios comunitarios, concursos musicais, maratóns radiofónicas e eventos culturais forman parte dunha programación especial que conmemora tres décadas de comunicación libre e participación cidadá.

CUAC FM inaugurouse o 27 de marzo de 1996 co obxectivo de democratizar a comunicación, abrindo os micrófonos a colectivos e persoas que non tiñan presenza nos medios convencionais. Tres décadas despois, a emisora segue defendendo ese mesmo espírito, adaptado aos retos actuais da sociedade da información, como a loita contra a desinformación ou os discursos de odio.

Actualmente, ademais da emisión en FM desde o Campus da Zapateira grazas á colaboración coa Universidade da Coruña, a emisora tamén desenvolve proxectos de podcasting, streaming de audio e vídeo, edición de libros e organización de xornadas e congresos, consolidándose como un referente do movemento de medios comunitarios.

Un ano cheo de actividades polo 30 aniversario de CUAC FM

A programación do aniversario estenderase durante varios meses e incluirá eventos culturais, radiofónicos e musicais abertos á participación da cidadanía.Entre as primeiras iniciativas destaca a convocatoria do 28º Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM, que repartirá 5.000 euros en premios e terá aberto o prazo de inscrición ata o 31 de maio.

Outro dos momentos especiais será “O Fotón”, a gran foto de familia do 30 aniversario, que terá lugar o 21 de marzo ás 13:04 horas na Praza de María Pita, coa participación de persoas colaboradoras, oíntes e cidadanía.

Concertos e cultura para celebrar tres décadas de radio comunitaria

O 27 de marzo, día exacto do aniversario da emisora, celebrarase un concerto especial no Teatro Colón da Coruña con actuacións de César de Centi, Silvia Penide e Pedro Pastor. As entradas estarán dispoñibles desde 13 euros e durante o evento agasallarase a parte do público asistente con exemplares do libro Galicia Musicalidade do autor Noel Turbulencias.

Poucos días despois, o 31 de marzo, terá lugar na Libraría Lume a segunda presentación do libro “Que bonitas son as ondas radiofónicas: 30 anos de CUAC FM”, un acto aberto ao público.

A Coruña, epicentro dos medios comunitarios en abril

Entre o 17 e o 19 de abril, A Coruña acollerá o Encontro Estatal de Medios Comunitarios, un evento que reunirá profesionais e activistas da comunicación comunitaria de todo o Estado e converterá a cidade nun punto de referencia para o debate sobre o futuro destes medios.

cartel Remcuentro 2026

Maratón radiofónica, gala e música ao longo do ano

A celebración do 30 aniversario continuará con outras citas destacadas:

  • 23 e 24 de maio: maratón radiofónica con xornada de portas abertas na emisora.
  • 13 de xuño: Gran Gala dos Oscuacs na sede de Afundación, con recoñecementos a persoas e colectivos.
  • Xullo: actividade de irmandamento coa emisora comunitaria ferrolá Radio Filispim.
  • Agosto: actuación de dúas bandas galegas no Festival Noroeste Estrella Galicia grazas ao concurso musical de CUAC.
  • 19 de setembro: batalla estatal de bandas na Sala Mardi Gras.
  • 10 de outubro: evento especial de humor no Auditorio de Afundación protagonizado polo programa Vellenials.

Con esta programación especial, CUAC FM quere celebrar trinta anos de radio comunitaria e participación cidadá, reafirmando o seu compromiso coa comunicación libre e coa alfabetización mediática como ferramentas fundamentais para fortalecer a democracia.

As portas da nosa emisora, como lembran desde a organización, seguen abertas para toda a comunidade.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir