Do primeiro noticiario con IA á busca no arquivo sonoro: CUAC FM despregou a súa folla de ruta tecnolóxica no Encontro Estatal de Medios Comunitarios

O taller “IA aplicada á radio comunitaria”, celebrado no marco do ReMCuentro 26, serviu de escenario para que CUAC FM presentase os seus proxectos de intelixencia artificial en activo: a transcrición automatizada de podcasts con modelos de código aberto, unha ferramenta experimental de busca semántica no arquivo histórico da emisora, novas utilidades de xestión interna e o desenvolvemento dunha nova versión da app oficial.

O Encontro Estatal de Medios Comunitarios da ReMC, celebrado na Coruña entre o 17 e o 19 de abril de 2026 e organizado por CUAC FM con motivo do seu 30 aniversario, acolleu entre as súas actividades o taller práctico “IA aplicada á radio comunitaria”. A sesión, impartida por Chema Casanova, Fernando Souto e Isa Lema —membros da propia emisora— combinou demostracións en directo, reflexión crítica sobre o impacto destas tecnoloxías e un espazo de debate entre representantes de emisoras de todo o Estado.

Máis aló dos contidos de carácter xeral dirixidos ás emisoras participantes, o taller constituíu tamén un punto de presentación dos proxectos que CUAC FM ten en marcha na área da intelixencia artificial. A emisora traballa actualmente na transcrición automática dos seus podcasts mediante modelos de código aberto —open source—, co obxectivo de mellorar a accesibilidade dos contidos sonoros e facilitar o seu aproveitamento a persoas con dificultades auditivas ou con preferencia por formatos de texto. Todo isto feito en local e sen depender de grandes corporacións.

Un dos proxectos de maior alcance anunciados durante a sesión é o desenvolvemento dunha ferramenta de busca semántica sobre o arquivo sonoro da emisora, que permitirá localizar calquera contido dentro dos episodios emitidos ao longo de case toda a historia de CUAC FM. A ferramenta abre a posibilidade de recuperar e poñer en valor décadas de produción radiofónica propia. Ademais, a emisora está a desenvolver utilidades de traballo interno orientadas a mellorar a xestión dos procesos da emisora e da programación.

A coordinadora de tecnoloxía de CUAC FM traballa tamén nunha nova versión da app oficial da emisora, que incorporará melloras e novas funcionalidades respecto á versión actual, dispoñible para Android e iOS.

Estes proxectos sitúanse na continuidade dunha traxectoria de innovación tecnolóxica que CUAC FM mantén dende as súas orixes. A emisora desenvolveu RadioCo, un sistema de gravación automatizada de programas e xeración de podcasts que é referencia no sector das radios comunitarias, e publicou a súa primeira app móbil coincidindo co seu 15º aniversario, considerada unha das primeiras aplicacións radiofónicas de España e a primeira de Galicia. Máis recentemente, a emisora puxo en marcha Noticias de A Coruña, un informativo local xerado íntegramente con intelixencia artificial, considerado o primeiro noticiario radiofónico desta natureza a nivel europeo.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir