CUAC FM colabora na lectura “Os Nomes”: lembranza das crianzas asasinadas en Gaza

CUAC FM súmase á iniciativa “Os Nomes” que terá lugar o vindeiro venres 3 de outubro no Obelisco da Coruña. A iniciativa foi convocada pola plataforma A Coruña pola Paz e secundada por BDS A Coruña. Conta coa colaboración de CUAC FM e da Fundación ONCE. A proposta consiste nunha lectura pública e continuada dos nomes das crianzas palestinas asasinadas durante a ofensiva israelí en Gaza. O acto, que se prolongará durante varias horas, busca lembrar ás vítimas, darlles voz e visibilizar o horror da guerra diante da cidadanía coruñesa. A organización precisa persoas voluntarias para participar nesta lectura colectiva, que xa se realizou noutras cidades como Ourense e Madrid.

Ademais das vítimas directas dos bombardeos, a poboación sofre unha emerxencia humanitaria extrema. Organismos internacionais como Amnistía Internacional e a ONU denunciaron ataques sistemáticos a hospitais e instalacións médicas, que deixaron centos de profesionais sanitarios mortos e limitaron o acceso á atención básica. O bloqueo imposto por Israel impide a entrada regular de alimentos, medicamentos e auga, xerando unha situación de fame e enfermidades masivas. Estas prácticas, que inclúen a destrución de infraestruturas civís e ataques indiscriminados contra zonas residenciais, foron cualificadas por múltiples organizacións como crimes de guerra e mesmo como actos de xenocidio.

Neste contexto, a lectura “Os Nomes” pretende ser un exercicio de memoria e dignidade. Cada participante pronunciará en voz alta os nomes dos menores palestinos asasinados, lembrando que detrás de cada cifra hai unha historia truncada, unha familia rota e un futuro negado. A acción non só busca render homenaxe, senón tamén interpelar á sociedade galega para que non permaneza indiferente.

CUAC FM, como radio comunitaria da Coruña, participa activamente nesta convocatoria porque entende que o dereito á vida, á paz e á xustiza non pode ser silenciado. A colaboración coa lectura “Os Nomes” forma parte do compromiso da emisora coa defensa dos dereitos humanos e coa solidariedade internacionalista.

O venres 3 de outubro, o Obelisco converterase nun espazo de memoria compartida. Convidamos á cidadanía a sumarse, a ler, a escoitar e a lembrar. Porque ningún nome debe caer no esquecemento.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir