Como vivir unha eclipse? Que nos di a astronomía? Onda Ciencia aborda este fenómeno histórico no segundo episodio da tempada

Imaxe: de esquerda a dereita, Susana García Barros, Alsira Salgado Don, Isabel Lema Blanco, Xavier Pérez Couto e Ángel Daniel Arós, nos estudos de CUAC FM
  • Como escoller o lugar máis idóneo para ver a eclipse? Que precaucións debemos tomar? Onda Ciencia afonda nas formas máis seguras de desfrutar da eclipse total o 12 de agosto
  • Ángel Daniel Arós, Xabier Pérez Couto (@astroxabi), Alsira Salgado e Susana García Barros analizan a transcendencia deste fenómeno histórico desde unha perspectiva científica e pedagóxica

As áreas da Coruña e Ferrol serán lugares privilexiados nos que presenciar, o vindeiro  12 de agosto de 2026, unha eclipse solar total histórica, visible entre as 19:31 e as 21:22 horas. Para preparármonos ante este acontecemento excepcional, neste episodio de Onda Ciencia catro expertos da Universidade da Coruña analizan a transcendencia científica, cultural e pedagóxica das eclipses:

VISIONA O VÍDEO “COMO VIVIR UNHA ECLIPSE? QUE NOS DI A ASTRONOMÍA?

ESCOITA O PODCAST “COMO VIVIR UNHA ECLIPSE? QUE NOS DI A ASTRONOMÍA?

Contido do programa

Este episodio de Onda Ciencia explora a importancia científica, cultural e histórica das eclipses solares, centrándose na eclipse total que se producirá na nosa área xeográfica o 12 de agosto de 2026.

Ao longo da conversa, as catro persoas convidadas analizan o papel das eclipses no desenvolvemento da astronomía, a súa relevancia para comprender os movementos celestes e a súa influencia na historia da ciencia. Tamén abordan a importancia que este fenómeno segue tendo hoxe en día para avanzarmos no coñecemento do Sol e como a intelixencia artificial contribúe a procesar a inxente cantidade de datos dispoñibles sobre a nosa galaxia.

Malia a tecnoloxía actual, saber orientarse polas estrelas continúa a ser unha habilidade esencial no mar, unha aprendizaxe imprescindible para a formación dos mariños. Ademais, a eclipse constitúe unha oportunidade única para estimular a curiosidade e o asombro nas crianzas e persoas maiores, e para espertar vocacións científicas en todas as etapas educativas.

Na última parte do programa, centrámonos no que acontecerá o 12 de agosto: que veremos exactamente no ceo, como escoller o lugar máis idóneo para a observación e, sobre todo, que precaucións debemos adoptar para protexer a vista durante esta experiencia inesquecible.

ONDA CIENCIA

Onda Ciencia emítese  os martes ás 13:00 h no 103.4 da FM e no streaming: https://cuacfm.org/directo/.

Podes escoitar e descargar todos os episodios do podcast na páxina Web do programa: https://cuacfm.org/radioco/programmes/onda-ciencia/.

Tamén podes revisar todos os episodios de Onda Ciencia nos espazos de CUAC FM en YouTubeSpotifyAcast, ou Ivoox.

EQUIPO TÉCNICO: 

  • Yolanda Golías Pérez M.ª Cristina Naya Riveiro: idea, proposta de temáticas e preprodución.
  • Isabel Lema Blanco: produción, presentación e condución do programa.
  • Chema Casanova e Mariano Fernández: controis técnicos.
  • Miguel Anxo Facal: edición, posprodución e difusión nas redes sociais.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir