Setembro chegou e con el arranca unha nova temporada de radio en CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña no 103.4 FM. Un ano máis volven as voces, os ritmos e as historias que te acompañan desde o monte da Zapateira, renovadas e cheas de forza. Esta é, ademáis, unha temporada moi especial para CUAC FM. Sigue lendo e contámosche o motivo…
Unha variedade de programas e temáticas volven ás ondas.
Estrelados na Estratosfera
Volta o programa que nos pon nunha cápsula espacial perdida na estratosfera: os seus dous tripulantes fálannos daquelas paixóns que antes quedaban fóra da axenda diaria e compártenas con nós nun formato íntimo e inspirador. Volven en directo cada xoves ás 18:00.
Café con Gotas
O teu café do mércores que non pode faltar. O equipo do programa capitaneado por Pablo Rubén fai que esa hora radiofónica sexa a mellor da semana. Cun convidado diferente cada día, espazo para a música e unha axenda cultural contada desde dentro. Marca na axenda: mércores de 16:00 a 17:00.
EscapeMotor
Se o mundo do motor é o teu, non perdas EscapeMotor. Rallys, Fórmula 1, MotoGP, trial, karting… todo o que se move sobre rodas ou motores cada xoves de 23:00 a 24:00, con redifusión o domingo de 11:00 a 12:00.
Nubes de papel
Un paseo radiofónico polo mundo da cultura: literatura, arte e música. Un programa que pon especial atención aos artitas da nosa cidade e do noso país. Ademáis, esta tempora aumentan a súa frecuencia e teredes unha hora semanal de Nubes de Papel.
Radio Parafuso
O programa da radio que reflexiona sobre a saúde mental e o lugar que ocupamos no mundo regresa tamén ás ondas. Escoitaos en directo os domingos ás 12.00.
Apoia a CUAC FM,a radio comunitaria da Coruña
Se che gusta o que les, considera botar unha man para que CUAC FM siga dando voz á xente. Cada achega conta.
Fai unha doazónMúsica para todos os gustos na 103.4 FM!
En CUAC FM a música soa con todas as súas cores: desde o rock máis clásico ata as propostas indie, alternativas ou experimentais, pasando polo blues, soul, heavy metal, folk e os ritmos máis actuais. A nosa grella musical destaca pola variedade e a liberdade creativa, ofrecendo espazos que escapan das fórmulas comerciais para dar visibilidade a novos estilos, bandas emerxentes e tamén aos grandes nomes que marcan a historia da música. Aquí cada oínte atopa o seu lugar, porque a diversidade sonora é un dos sinais de identidade da radio comunitaria da Coruña. Iso é o que atoparás nos nosos programas musicais que tamén volven ás ondas este setembro: DJ Gaby Oro, Cuac’n’Roll, Mi Rollo es el rock e Orion 2.1. Para os amantes da electrónica e os sons máis vangardistas en CUAC temos a Frecuencia Electrónica e Music Box.
Tampouco nos podemos esquecer dos programas que nos acompañaron durante todo o verán e que seguen na grella: De los Adoquines a los Alpes, El Malinformado e 2d6. Tes todos os seus episodios dispoñibles para escoitar cando queiras.
En outubro, máis incorporacións á grella diaria.
Houbo quen preferiu alongar as vacacións e non regrasan ata outubro. Alegría, Recendo, A fume de carozo, El Desinformativo e Vellenials rencontraránse coa súa audiencia dentro dun mes. Se os botas en falta sempre podes re-escoitar calquera dos seus episodios na nosa app 😉
A grella compleméntase con programas seleccionados que se poderán escoitar na FM coruñesa: Descifrando a historia, Galiportus, Coffee Break, señal y ruido, Universo de misterios, As Womansplainers, La Cafetera…
Non é unha temporada calquera en CUAC FM.
Esta temporada 25/26 non é unha temporada calquera na Zapateira. CUAC FM celebrará o vindeiro ano 30 anos de existencia, de loita e de emisións radiofónicas na cidade da Coruña e pretende celebralo por todo o alto coa súa audiencia, amizades e compañeiros e compañeiras. Permanezan atentos aos seus transistores!

Podes escoitar CUAC FM sintonizando a 103.4 FM se estás na Coruña. Tamén podes escoitarnos na nosa web e na nosa app, a mellor calidade de son, se publicidade e con tecnoloxía feita na Coruña. CUAC FM tamén se pode ver: Síguenos en Twitch e na canle de Telegram.