A Coruña acollerá o ReMCuentro 26, o encontro estatal de medios comunitarios

Do 17 ao 19 de abril de 2026, a cidade da A Coruña será a sede do ReMCuentro 26, o encontro anual da Red Estatal de Medios Comunitarios (ReMC), que nesta edición contará coa colaboración e impulso de CUAC FM.

O encontro desenvolverase en espazos da Universidade da Coruña, concretamente no espazo de intervención cultural NORMAL, convertendo a cidade nun punto de referencia estatal para a comunicación comunitaria e cidadá.

cartel Remcuentro 2026

Un espazo de encontro e reflexión colectiva

O ReMCuentro 26 reunirá radios e televisións comunitarias de distintos territorios do Estado para compartir experiencias, fortalecer redes de colaboración e debater arredor dos retos actuais do sector. Ao longo das xornadas haberá obradoiros, mesas de traballo, asembleas e actividades abertas que permitirán afondar en cuestións como:

  • A defensa do dereito á comunicación
  • A sustentabilidade dos medios comunitarios
  • A innovación tecnolóxica e os dereitos dixitais
  • A participación cidadá nos proxectos comunicativos

Este encontro será tamén un momento clave para reforzar a coordinación entre os medios asociados á ReMC e definir liñas estratéxicas de traballo para os vindeiros anos.

Un ano especial para CUAC FM

A celebración do ReMCuentro 26 en A Coruña enmárcase nun ano significativo para CUAC FM, que continúa consolidando o seu papel como proxecto de comunicación libre, participativa e sen ánimo de lucro, ao servizo da cidadanía. A acollida deste encontro estatal supón un recoñecemento ao traballo desenvolvido durante décadas e unha oportunidade para situar A Coruña no mapa da comunicación comunitaria do Estado.

Nos vindeiros meses daranse a coñecer máis detalles sobre o programa e as actividades abertas ao público. Mentras tanto, xa está aberto o prazo para a compra de tickets ou a inscripción nas xornadas, abertas a calquera persoa que teña interese na comunicación e nos medios comunitarios.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir