Comeza a segunda tempada de ONDA CIENCIA, o proxecto de divulgación científica en formato radiofónico e podcast, realizado conxuntamente por CUAC FM e a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña. ONDA CIENCIA conta tamén coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades).
O primeiro episodio desta nova tempada de ONDA CIENCIA leva por título “As Matemáticas están en todos lados”, no que afondamos nas diferentes aplicacións prácticas das matemáticas, contamos con tres docentes da UDC especialistas nesta área:
- Raquel Taboada Vázquez, profesora do Departamento de Matemáticas da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos. Investigadora está vinculada ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).
- Benito Pérez López, profesor do Departamento de Economía da Facultade de Economía e Empresa. É membro do grupo de investigación en Transportes da UDC e está especializado en inferencia estatística e modelos econométricos aplicados á planificación do transporte e a mobilidade sostible”.
- Enrique De La Torre Fernández, profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación. É membro do Grupo de Investigación en Innovación en Ensinanza das Ciencias e das Matemáticas. Director do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE) no periodo 2009-2020.
ESCOITA O PODCAST DE ONDA CIENCIA:
CONTIDO
Con estas tres persoas expertas conversamos acerca da aplicación das matemáticas no eido da estatística, da análise Big Data e na importancia de ter unha boa base en matemáticas para avanzar nas carreiras universitarias. Abordamos tamén as competencias matemáticas das xeracións que están a entrar na universidade e as posibles causas e factores que interveñen na percepción de que a mocidade non ten una base científica e matemática suficiente para afrontar os estudos universitarios con éxito. Finalmente, debaterase acerca das diferentes metodoloxías docentes (flexibles/activas) empregadas polo profesorado para traballar estas competencias nos procesos de ensino-aprendizaxe.
DIVULGACIÓN CIENTÍFICA
ONDA CIENCIA aborda diferentes temáticas de actualidade dende unha perspectiva crítica e baseada na evidencia científica. O formato do programa é un coloquio en que participan membros do profesorado ou persoal investigador da UDC, expertos nunha temática concreta sobre o que versa cada programa.
ESCOITA ONDA CIENCIA
ONDA CIENCIA pode escoitarse os martes ás 13:00 horas a través do 103.4 da FM, no directo (streaming) de CUAC cuacfm.org/directo, a través das nosas aplicacións móbiles para Android e Apple, e tamén na páxina web de cuac fm https://cuacfm.org/programacion/
EQUIPO
O equipo técnico do programa é o seguinte:
- M.ª Cristina Naya Riveiro, na preprodución.
- Isabel Lema Blanco, na presentación e condución do programa.
- Mariano Fernández Cabarcos, no control técnico.
- Miguel Anxo Facal, na edición e difusión do programa.
One thought on “CUAC FM e a UDC estrean 2.ª tempada de ONDA CIENCIA”