A FISCALÍA ESTIMA QUE A XUNTA DE GALICIA VULNERA OS DEREITOS FUNDAMENTAIS DE CUAC FM
No recurso de CUAC contra a Xunta de Galicia, o Ministerio Fiscal, solicítalle ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia “que recoñeza a lesión do dereito a crear medios de comunicación social que ven denunciando esta asociación”
Hai case un ano, o 1 de Outubro de 2017, A radio comunitaria da Coruña, Cuac FM, apagaba o seu emisor ante a incoación dun procedemento sancionador por parte da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, baixo a sanción dunha multa de entre 100.001 e 200.000€. ( Ver comunicado CUAC FM )
Tras o recurso administrativo presentado polo Colectivo de Universitarios Activos (Cuac), no que se solicitaba o arquivo do expediente, A Xunta de Galicia resolveu:
1) retirar a sanción, por considerar que a actividade de CUAC FM non é merecedora de sanción;
2) prohibirlle, a pesar do anterior, emitir de novo na frecuencia modulada (alomenos ata o desenvolvemento regulamentario da Lei 7/2010 General de Comunicación Audiovisual que o Goberno está a incumprir).
Tal e como se explicou nun comunicado anterior , CUAC considerou que a Xunta está a facer dunha interpretación restritiva dos dereitos constitucionais do dereito constitucional a comunicar recollido no artigo 20.1.a) da Constitución Española.
Ante tal resolución da Secretaría Xeral de Medios, CUAC interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra a Xunta de Galicia por violación dos dereitos fundamentais, co fin de que sexan os tribunais de xustiza os que restitúan o dereito da cidadanía a acceder ao exercicio da comunicación a través do medio comunitario.
Dito recurso foi admitido a trámite este verán por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, cuestión que se está a dirimir nestes momentos. Como o fondo do asunto afecta á protección do exercicio de dereitos fundamentais, o Ministerio Fiscal ven de emitir un informe no que manifesta e fundamenta xuridicamente a súa coincidencia coa posición defendida por CUAC na súa demanda contra a Xunta de Galicia.
Así, o Ministerio Fiscal, institución xudicial cuxa principal función é a garantía dos dereitos fundamentais, argumenta que non é xustificada nin acorde a dereito a advertencia que fai a Xunta de Galicia de que Cuac FM non pode volver a emitir na FM. Neste senso, o Fiscal alega en favor da demandante, argumentando que:
“Parece una incongruencia procedimental aprovechar una actividad sancionadora para ir más allá de la comprobación de hechos sancionables y derivar consecuencias de futuro”
A Fiscalia considera que a Xunta está efectivamente limitando o dereito de expresión cando na resolución do expediente sancionador fai un apercibimento a CUAC de que non pode emitir ao non existir o desenvolvemento regulamentario da Lei 7/2010 General de Comunicación Audiovisual (que o Goberno está obrigado a cumprir dende o 2010 e para o que só tiña o prazo dun ano para aprobalo).
“la medida señalada, e impugnada, comporta de una manera difusa, una orden de cesación de una actividad de emisión audiovisual garantizada por el artículo 20 de la Constitución Española. Situación inevitable, pues aunque el afectado quisiese someterse a las limitaciones legales, parece que en estos momentos no podría hacerlo. Lo que desemboca en una efectiva imposibilidad de desarrollar la actividad que venía haciendo”.
Polo tanto a Fiscalía comprende que, neste caso, CUAC atópase nunha situación que lle impide de facto desenvolver a súa actividade radiofónica, pois aínda que se solicitou en numerosas ocasións unha licenza comunitaria, a Xunta non tivo nunha a ben convocar o concurso pertinente, nin conceder títulos temporais habilitantes de emisión, tal e como si permite a Lei 7/2010 vixente.
Esta imposibilidade de cumprir a normativa vixente, coloca a CUAC nunha situación de “limbo xurídico”, á espera de que as administracións decidan desenvolver un dereito fundamental. Isto é achacable, segundo a Fiscalía, a que:
“El desarrollo de esta normativa y su puesta en funcionamiento no se ha producido, por lo menos en la Comunidad Autónoma de Galicia. Ello supone un incumplimiento de un mandato legislativo por parte de alguien que constitucionalmente está obligado a cumplir y dar ejecución de lo dispuesto por el representante popular. Y además coloca, como en este caso, a aquellos que están ya presentes en el uso del espacio radioeléctrico, en una situación de limbo jurídico, pues no pueden regularizar su situación, y pueden quedar al albur (como en este caso) de que la Administración decida usar sus potestades sancionadoras”.
Deste xeito, o Ministerio Fiscal conclúe que:
“Con las alegaciones anteriormente expuestas, se continúe el proceso por los cauces señalados y, en su día, se dicte sentencia en la que se declare la lesión del derecho a crear medios de comunicación social, de la asociación recurrente”.
CUAC saúda o posicionamento do Ministerio Fiscal que recoñece que a Xunta de Galicia está a impoñer unha situación de facto que impide o exercicio de dereitos fundamentais.
Mentres non se substancie este recurso contencioso-administrativo, Cuac FM continuará emitindo exclusivamente por internet, a través da súa páxina web, servizos de streaming e podcasting, e aplicacións para dispositivos móbiles.
Cuac FM empregará todos os medios dos que dispoña para garantir o cumprimento real e efectivo dos dereitos do público a recibir información e opinión a través de medios comunitarios, xa que as administracións públicas semellan ineficaces para iso.
Cuac FM volve a agradecer ás persoas, colectivos e institucións que amosaron publicamente o seu apoio e asinaron o Manifesto polo Dereito a Comunicar. Ese respaldo masivo deunos moita forza para seguir adiante. Esperemos que os Tribunais de Xustiza lle recoñezan á cidadanía o dereito que as administracións lle negaron pola súa inoperancia.
#CUACResiste
A Coruña, 13 de setembro de 2018.
Cani Guardado says:
Toda mi solidaridad con vuestra causa