(Versión del comunicado en español)CUAC_ASEMBLEA_PECHE_FM

Dende Cuac FM temos o enorme pesar de comunicar que o pasado día 21 de setembro, despois de 21 anos de emisión, a Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral de Medios, comunicou a Cuac FM a incoación dun expediente sancionador por emitir “sen dispor da correspondente licenza”. CUAC exponse a unha sanción administrativa que vai dos 100.001 aos 200.000€.

 

Ante tales feitos, o Colectivo de Universitarios Activos quere sinalar o seguinte:

  1. Nestes 21 anos de servizo á comunidade, Cuac FM nunca recibiu ningún comunicado, queixa ou notificación de ningún tipo respecto da súa actividade, e nunca interferiu nin perxudicou a emisión de ningunha outra estación de radio en Galicia.
  2. A Xunta de Galicia ten constancia da existencia de Cuac FM dende antes de comezar as súas emisións, o 27 de marzo de 1996. As relacións desta emisora coa Secretaría Xeral que abre o nomeado expediente foron numerosas e sempre no mesmo sentido. CUAC solicitou en reiteradas ocasións a reserva de espazo radioeléctrico para servizos de comunicación comunitario sen ánimo de lucro e licenzas, aínda que fosen provisionais, para salvagardar a actividade das poucas emisoras libres comunitarias que existen en Galicia.
  3. CUAC vén reivindicando e traballando, dende hai dúas décadas, a nivel galego, estatal e europeo, pola defensa do exercicio ao dereito fundamental á liberdade de expresión e de información, un dereito inalienable que está recoñecido pola Declaración de Dereitos Humanos (ONU, 1948) e polo artigo 20.1.a) da Constitución Española. Este traballo realízase de maneira coordinada coa Rede de Medios Comunitarios (REMC) e coa Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC), das que CUAC forma parte.
  4. CUAC ten reclamado en varias ocasións á Xunta de Galicia a aplicación na nosa comunidade da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual 7/2010 que recoñece, no seu artigo 4º, aos medios comunitarios coma un dereito da cidadanía, e establece na súa Disposición Transitoria 14 o dereito dos servizos de comunicación audiovisuais comunitarios de radio e televisión preexistentes, que emitían antes do 1 de xaneiro do 2009, a acceder a licenzas ou autorizacións no ámbito de cobertura no que viñan prestando a súa actividade.
  5. CUAC denuncia o incumprimento por parte das administracións públicas da nomeada Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010, en grao de omisión, ao non outorgarse ningunha licenza para servizos de comunicación comunitaria sen ánimo do lucro nos sete anos despois da entrada en vigor da lei. O estado incumpre de xeito reiterado o mandato de desenvolvela regulamentariamente pese ao recordatorio que en 2012 fixo a oficina do Defensor del Pueblo nese sentido.
  6. O exercicio da liberdade de expresión a través de calquera medio é un dereito da cidadanía que non pode ser coartado nin pode estar eternamente demorado pola inactividade dos poderes públicos, como así teñen recoñecido os tribunais de xustiza. O espazo radioeléctrico é un ben de dominio público xestionado pola administración para o beneficio de toda a cidadanía. Numerosas lexislacións e resolucións internacionais en materia de dereito á comunicación, tales como as declaracións do Parlamento Europeo (2008), Consello de Ministros Europeo (2009), ou dos relatores da liberdade de expresión da ONU, da OSCE ou a UNESCO, sinalan o dereito das persoas para fundar os seus propios medios de información. En España e en Galicia dito dereito está secuestrado pola inactividade da administración que, porén, si ten convocado concursos para a concesión de licenzas comerciais a empresas con ánimo de lucro.
  7. O dereito de existencia dos medios comunitarios está maioritariamente apoiado polo Parlamento Español. Tal apoio manifestouse coa aprobación de todos os partidos políticos (co único voto en contra do Partido Popular) dunha Proposición Non de Lei presentada o 21 de xuño de 2017 na Comisión de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital  do Congreso dos Deputados. Dita PNL insta ao Goberno do estado a “Regular el otorgamiento de autorizaciones temporales a Servicios de Comunicación comunitarios radiofónicos y televisivos que estuvieran en funcionamiento con anterioridad al 1 de enero de 2009”.
  8. Cuac FM é unha emisora comunitaria, sen ánimo de lucro, que nace en 1996 co fin de garantir o exercicio do dereito de acceso á comunicación e a liberdade de expresión da cidadanía, desenvolvendo a súa actividade  de maneira continuada, os 365 días do ano. Temos alcanzado os 452 programas en emisión, sendo máis de 1.200 as persoas que fixeron radio e centos de asociacións, colectivos e centros educativos que pasaron polas nosas ondas. Nestes case 22 anos, Cuac FM non rexeitou nin un só dos proxectos presentados para a súa emisión.

A Xunta de Galicia vén de facer oídos xordos a todo este itinerario legal e aposta polo exterminio do único Servizo de Comunicación Comunitario sen ánimo de lucro existente na cidade da Coruña, contradicindo tamén a moción aprobada en 2016 polo Pleno do Concello da Coruña, orientada á protección destes servizos, e nomeadamente, de Cuac FM.

Onte, 28 de setembro de 2017, a Asemblea Xeral de socios e socias do Colectivo de Universitarios Activos decidiu cesar as súas emisións en frecuencia modulada (FM) ata que se resolva esta situación, mais mantendo a súa actividade en Internet, tanto en streaming coma en podcasting.

Aprobou tamén desenvolver nas vindeiras datas unha estratexia de defensa do dereito a comunicar da cidadanía, tanto no eido xurídico, coma no político e no social, para o cal mobilizará todos os seus recursos materiais e humanos, na convicción de que o único xeito efectivo de defender os dereitos humanos e  a través do seu exercizo.

Finalmente, Cuac FM quere facer un agradecemento a todas as persoas e institucións que nos apoiaron durante estes anos e que con seguridade seguirán acompañándonos no futuro, con especial mención á Universidade da Coruña. Facemos, por último, un chamado a todos os axentes sociais, colectivos, asociacións e persoas individuais para que nos axuden a defender o seu dereito a unha comunicación libre, democrática e plural. Hoxe é Cuac FM, mañá poderá ser calquera outro espazo de comunicación social.

Quen teña honra, que nos siga.

A Coruña, a 29 de setembro de 2017

A asemblea de socias e socios do Colectivo de Universitarios Activos

  1. Xose Lois Martínez says:

    A miña total SOLIDARIDADE.
    No ano 1980-81 o Goberno Civil da Corunha pechou Radio As Mariñas Emisora Municipal do Concello de Oleiros. Como entón, en plena transición e co RUÍDO DO golpe de estado do 23-F ainda nas nosas cabezas tivemos que soportar a entrada da Garda Civil no Concello.
    Catalunya e a súa Rede de Emisoras Municipáis era a nosa referencia. Como hoxe.
    XLMartínez
    Ex Alcalde de Oleiros. 1979-83

  2. Carmen Estévez says:

    Totalmente dcecionada y pensar q dice el gobierno q estamos en democracia yo no se acual democracia se refiere yo veo un franquismo duro q nos volvera a asolar a todos los españoles , mr soliradizo con vuestra causa .🇪🇸😡

  3. Pedro J. Mendez Zas ( presidente asociacion de Vecinos Riazor) says:

    Desde la AA.VV de Riazor-Estadio, queremos mostrar nuestro apoyo incondicional a CUAC, y a todos sus compònentes.Animo y un saludo a tod@s.

  4. Volve de novo a dictadura, esta vez da man de Rajoy – Feijoo. Se non pensas como o PP pechamoste.
    Pra ver como pisan os dereitos fundamentais dos cidadans non fai falla irse a Venezuela, nin a Corea, xa o temos dende fai tempo en España.

  5. Jesús Tomás Legido Lopez says:

    Que pena¡¡¡coa ilusión que ten o noxo fillo con 45 años a metade dedicado a vida a emisora de todos. Cantas horas adicadas y tantos kilómetros feitos hasta allí. Que pena. Xunta a nos o seus país nos darles una puñalada trapeira.

  6. Ángel.Cordero Gómez says:

    Pechar una emisora de radio asi é como arrancar un rosal por ter espiñas. So lle fai mal a quien oprime o tallo en vez de aroveitarse do aroma da sua flor. Deixade no aire a frescura destas ondas!

  7. No nos hagáis esto, (Xunta de Galicia) ,mirad lo que está pasando con la sequía, que será de nuestros/ vuestros hijos?…. cambio climático y ahora más.No la destruyas por unas” monedas de oro”
    Gracias a org.change por vuestra ayuda.

Deixar unha resposta