CUAC FM INICIA A RECOLLIDA DE APOIOS AO MANIFESTO POLO DEREITO A COMUNICAR

Cuac FM presentou o Manifesto polo Dereito a Comunicar nun acto público o pasado sábado 11 de novembro. Dito manifesto foi lido por tres grandes voces da comunicación: o escritor e xornalista, padriño da emisora, Manuel Rivas, a poetisa Estíbaliz Espinosa e o decano xornalista de RNE e La Opinión, Antón Luaces.O manifesto pódese asinar na web http://cuacfm.org/manifestocuac

Discurso de Manuel Rivas antes da lectura do manifesto

Escoita a lectura do manifesto:

 Ampla representación da cidadanía coruñesa

Centos de persoas e entidades sociais da Coruña, representantes dos movementos sociais, sindicatos, partidos políticos, e moitos xornalistas de diferentes medios de comunicación achegáronse ao Campo da Leña para participar neste acto reivindicativo e de defensa da emisora comunitaria da Coruña.

Cuac FM quere agradecer publicamente a todos eles e a todas elas o seu acompañamento neste día tan especial así como as súas verbas de apoio nas redes sociais. Como dixo Manolo Rivas, o poder “quere roubarnos a palabra”, máis o acto do pasado sábado demostrounos que Cuac FM conta co apoio da cidadanía coruñesa e galega.

Campaña de recollida de sinaturas na web https://cuacfm.org/manifiestocuac/

 

SÚMATE TI TAMÉN!

O Manifesto polo Dereito a Comunicar foi o pistoletazo de saída dunha campaña de recollida de sinaturas de apoio ao manifesto. Cuac FM invita á cidadanía a asinar, compartir e difundir o manifesto nas súas redes sociais.

O texto recibiu recibiu 1000 firmas nos seus primeiros dous días de apertura ao público e segue con esa cifra en aumento. Ata o momento, xa conta coa adhesión de escritores e artistas da talla de Xavier Alcalá, Manuel Rivas, Darío Xohan Cabana, Isabel Risco, Antón Riveiro, Yolanda Castaño, Mercedes Queixas, Helena Villar, Carlos Callón entre outros; de entidades como o Colexio de Xornalistas de Galicia, a Universidade da Coruña, a Universidade Sénior-UDC, a facultade de Ciencias da Comunicación da USC, sindicatos como UGT Galicia, CCOO, CGT, CIG, CUT, CGT; Parlamentarios e representantes de diferentes partidos políticos, como Marea Atlántica, PSdG-PSOE, BNG, En Marea, Ciudadanos-Coruña, Esquerda Unida, Anova, Partido Humanista, Podemos; colectivos sociais como ACAMPA, ALAS-Coruña, Stop desafuizamentos Coruña, a Coordinadora Galega de ONDGs para o Desenvolvemento, ASPACE, AGASOL, GPUL, Melisa ou diversas asociacións veciñais e culturais como a A.C. Alexandre Bóveda, Fuco Buxán, Fundación Eduardo Pondal ou o IGADI.

Tamén numerosas persoas vencelladas ao sector da comunicación, xornalistas de  numerosos medios galegos, como RNE, Radio Galega, RTVG, Cadena SER, Praza Pública, O Salto-Galicia, Radio Oleiros, Sermos Galicia etc. Numerosos expertos nas ciencias da comunicación como Ramón Zallo e Manuel Chaparro subscribiron o Manifesto #CuacResiste o pasado sábado.

CUAC agradece a todos eles o seu apoio, así como as manifestacións de apoio da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (REGARLIC), a Rede de Medios Comunitarios (ReMC), a Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC e AMARC-Europa), a Asociación de Emisoras Municipais de Andalucía (EMA-TV), a Unión de Radios Libres de Madrid (URCM) ou ARROSA, a rede de radios libres de Euskadi ou a Bundesverband Freier Radios (BFR), a Asociación Alemá de Radios Libres.

RESUME DO MANIFESTO

Neste manifesto queremos defender o exercicio da liberdade de expresión da cidadanía, a través de calquera medio, e especialmente a través dos medios comunitarios. As radios comunitarias son espazos de comunicación libre, sen ánimo de lucro, independentes e plurais, que cumpren un fin social e dan servizo á súa comunidade. Son espazos democratizadores, que fomentan a cohesión social e a alfabetización mediática da cidadanía.

Os medios comunitarios son un dereito da cidadanía. Así o recoñece a Lei 7/2010 Xeral de Comunicación Audiovisual, mais non o Goberno. Cuac FM leva 21 anos agardando a que lle concedan unha licenza de emisión e 7 anos de espera por un regulamento dos servizos de comunicación comunitaria sen ánimo de lucro que o Goberno non quere aprobar. Pola contra, a Administración ábrelle un expediente sancionador, ameazándoa cunha sanción de ata 200.000€.

Cuac FM tivo que apagar o seu dial no 103.4 da FM coruñesa. Hoxe é CUAC pero mañá será calquera das máis de 300 emisoras libres do estado.

Neste manifesto REIVINDICAMOS o noso dereito á liberdade de expresión e de comunicación e ESIXIMOS aos poderes públicos:

(1) O arquivo inmediato das accións sancionadoras en contra de Cuac FM e en contra do resto de medios libres e comunitarios do estado.

(2) A concesión dunha autorización temporal de emisión para que Cuac FM poida prestar un servizo de Comunicación Comunitaria, tal e como recolle a Lei 7/2010.

(3) A redacción dunha Lei de Comunicación que trate en condicións de igualdade ao Terceiro Sector da Comunicación, faga unha reserva de espazo radioeléctrico para os medios comunitarios, e garanta a sustentabilidade dos mesmos como garantía da pluralidade informativa, do dereito de acceso da cidadanía aos medios, da diversidade cultural e da democratización mediática.

 

TEXTO ÍNTEGRO DO MANIFESTO POLO DEREITO A COMUNICAR

Ler o texto íntegro do manifesto aquí.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.