MANIFESTO CUAC FM POLO DEREITO A COMUNICAR

Cuac FM é a Radio Comunitaria da Coruña, unha emisora privada, sen ánimo de lucro, que ten un fin social: garantir o exercicio do dereito de acceso á comunicación e a liberdade de expresión da cidadanía. Cuac FM comezou as súas emisións o 27 de marzo de 1996 e sempre estivo aberta á participación da cidadanía, tanto de persoas físicas coma xurídicas, que dun xeito voluntario e altruísta, desenvolven unha actividade continuada, as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Ao longo destes 21 anos, pasaron polos seus micrófonos 455 programas, e máis de 1.200 persoas facendo comunicación radiofónica de xeito regular. Cuac FM é unha radio local, que da voz a persoas e colectivos normalmente infrarrepresentados nos medios de comunicación xeneralistas. Participan actualmente de Cuac FM entidades sociais coma CASCO (Comité ciudadano AntiSida de Coruña), Amnistía Internacional, ADEGA, Colexio Calasanz (PP. Escolapios), Fundación Albergue Padre Rubinos, Asociación Cultural Alexandre Bóveda, UTACA- Asociación de Ex-alcohólicos da Coruña, Asociación Radio Prometea, ASPACE, Proxecto Cárcere, Iniciativa ACAMPA, ou a Universidade Sénior (UDC). E moitísimas outras acoden aos seus programas para compartir as súas experiencias e saberes, aportando unha visión plural da realidade.

Cuac FM emite a través do 103.4 da FM dende o primeiro día, sen ter nunca interferido ou perxudicado a emisión de ningunha outra estación de radio en Galicia.

A súa cobertura por ondas abrangue boa parte da área metropolitana da Coruña, e por Internet pódese escoitar en todo o mundo, sendo a primeira emisora local da cidade que emitiu pola rede tanto en podcasting coma en streaming, e a primeira en desenvolver aplicacións en mobilidade propias, sendo a emisora privada da cidade con máis horas de emisión propia en lingua galega.

CUAC é mais que unha radio. É un espazo de alfabetización mediática e formación de novos comunicadores sociais. A través da súa “Escola de Radio e Asociacionismo” Cuac imparte, de maneira gratuíta, talleres de iniciación á radio a case 100 personas anualmente, así como cursos de especialización para mellorar as competencias mediáticas de xóvenes e adultos.

Cuac FM desenvolve tamén unha intensa actividade asociativa, en defensa do dereito a comunicar. Cuac FM é  cofundadora da Rede de Medios Comunitarios (ReMC) e da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (REGARLIC) e é membro da Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC), formando parte do seu Consello de Dirección de AMARC- Europa.

Porén, a pesares da súa longa e recoñecida traxectoria, a Cuac Fm foille denegado o seu dereito a unha licenza comunitaria en reiteradas ocasións, para finalmente ser obxecto dun expediente sancionador, incoado pola Xunta de Galicia, e que pode implicar unha sanción de ata 200.000€, condenando a esta emisora ao peche total da súa actividade, frustrando as ilusións de mozos, maiores e de colectivos sociais que estarán condenados, coma dicía un prestixioso xornalista local, “ao máis triste dos desencantos”.

O expediente a Cuac FM é o último dos intentos de persecución e clausura por parte dunhas administracións que, en vez de velar pola liberdade de expresión e a pluralidade informativa, prefire calar as voces reivindicativas dos máis febles.

Unha persecución que se torna nunha loita de poderosos Goliats contra pequenos Davides que, porén, contan co apoio inquebrantable da cidadanía á que serven. Hoxe é Cuac FM, coma hai un ano fora Radio Kras de Xixón, Radio Nava ou Radio Vallekas no seu día. Todas estamos ameazadas. De Onda Color de Málaga a Radio Televisió de Cardedeu en Sabadell. De Radio Pimienta en Tenerife a Radio Valdivielso en Burgos ou Radiópolis en Sevilla.

A ONU, a UNESCO, o Consello de Europa ou o Parlamento Europeo recoñecen o labor dos medios comunitarios: son ferramentas de expresión cultural, que fortalecen a cohesión social, promocionan a diversidade cultural e lingüística, a inclusión social e a identidade local. As radios comunitarias contribúen a mellorar a alfabetización mediática da cidadanía.

Non importan as recomendacións internacionais, porque España segue sen garantir o dereito dos medios comunitarios a ter unha licenza para prestar un servizo comunitario sen ánimo de lucro. Non importa que sexamos viveiros de profesionais. Non importa a nosa pluralidade, a nosa accesibilidade, a nosa total dispoñibilidade ou o noso altruísmo. Segundo os que mandan non merecemos nada.

Quérennos silenciar, porque non nos poden mercar nin manipular. Quérennos calar porque expresamos verdades incómodas, porque aportamos liberdade e frescura nun mundo rexido por regras ríxidas e intereses espurios. Quérennos pechar porque somos democráticos, e abrimos as nosas portas a todo aquel que queira facer radio. Sen condicións nen contrapartidas.

Non somos un feito illado. Somos outro chanzo máis das políticas contra a vida que poñen as cousas por diante das persoas, que poñen os cartos por riba da supervivencia, que antepoñen os intereses á xustiza. Son as políticas dos que teñen moito pero o queren todo.

O expediente sancionador da Xunta contra Cuac FM é consecuencia da inoperancia dun goberno que decidiu incumprir a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Unha lei aprobada hai sete anos pero que non desenvolve. Sen ter ningunha intención de aprobar o regulamento dos servizos de radiodifusión comunitarios, discriminando así a cidadanía. Ao tempo que se incentiva a precariedade das profesionais da información e se tolera a piratería comercial, os medios de proximidade quedan desterrados do espectro radioeléctrico. Vivimos nun sistema onde a cidadanía non ten voz e está condenada a sobrevivir en condicións de precariedade, vulnerabilidade e inseguridade xurídica.

Polo arriba exposto, as persoas e colectivos asinantes deste manifesto instamos e esiximos aos Poderes Públicos e dos nosos representantes, a nivel local, autonómico e estatal o cumprimento das seguintes demandas:

  1. A defensa efectiva do dereito de liberdade de expresión é comunicación da cidadanía, que debe prevalecer por riba de intereses privados e cuestións administrativas. O exercicio dun dereito fundamental non pode estar condicionado á espera dun regulamento que, sen xustificación algunha, leva sete anos de atraso.
  2. En consecuencia do anterior: o inmediato arquivo do expediente sancionador incoado pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia contra Cuac FM e a concesión da autorización pertinente para que Cuac FM poida prestar un servizo de Comunicación Comunitaria.
  3. O inmediato arquivo das actividades coactivas en curso contra medios libres e comunitarios en todo o territorio do Estado, en virtude dos dereitos recollidos polo artigo 21.1.a) e d) e 9.2 da Constitución Española.
  4. O recoñecemento destes medios de xeito real e efectivo, reservando o espazo radioeléctrico necesario, e desenvolvendo as medidas de impulso que sexan precisas para garantir o seu funcionamento de acordo cas recomendacións do Parlamento Europeo e outros organismos internacionais.
  5. A concesión de licenzas a aqueles servizos audiovisuais de comunicación comunitaria que estivesen en activo antes do 1 de Xaneiro de 2009, en consonancia ca proposición non de lei aprobada polo Congreso dos Deputados en data 21/06/2017, ao abeiro da disposición transitoria 14 da Lei Xeral 7/2010 de Comunicación Audiovisual.
  6. A posta a disposición de espazo radioléctrico e licenzas para aqueles servizos audiovisuais de comunicación comunitaria que operen dende data posterior ao 1 de Xaneiro de 2009, ou que pretendan facelo no futuro, seguindo as recomendacións na materia dos Relatores Especiais para a Liberdade de Expresión da ONU e da OSCE, que recomendan o reparto equitativo do espectro radioeléctrico entre medios públicos, privados comerciais e comunitarios.
  7. A eliminación dos límites arbitrarios existentes na lexislación actual para o desempeño dos servizos de comunicación audiovisual comunitaria e sen ánimo de lucro. Pola contra, todas as ferramentas de participación democrática e alfabetización mediática deben ser promovidas e protexidas polas administracións públicas.
  8. A redacción dunha Lei de Comunicación que trate en condicións de igualdade ao terceiro sector da comunicación, e garanta a sustentabilidade dos medios de comunicación comunitarios, como garantía da pluralidade informativa e a diversidade cultural.

Porque non é posible a democracia sen medios de comunicacións plurais e diversos, porque a legalidade perde o seu valor se non é xusta, porque a vida non é posible sen diversidade.

Porque a liberdade, aquí e agora, tamén se chama Cuac FM… coma dixo María Pita: quen teña honra, que nos siga.