Pleno Ordinario 09/10/2017 from Concello da Coruña. O debate da moción sobre CUAC FM pódese ver a partires da hora 1:20:00

O Pleno municipal do Concello da Coruña aprobou o pasado luns 9 de outubro de 2017 unha moción de apoio a CUAC FM e ao dereito á liberdade de expresión e comunicación que a cidadanía desenvolve a través dos medios de comunicación comunitarios e sen ánimo de lucro.

A moción de apoio foi aprobada polos grupos municipais de Marea Atlántica, Partido Socialista da coruña e BNG-Asambleas Abertas. O Partido Popular decidiu votar en contra da moción sobre CUAC FM por non estar de acordo co texto da moción.

CUAC FM quere manifestar o agradecemento aos tres partidos políticos da Corporación da Coruña que votaron a favor da moción, así como as palabras de Avia Veira (BNG-AA) Fito Ferreiro (PSdG-PSOE), e Claudia Delso (Marea Atlántica).  en recoñecemento da labor educativa, democrática e cultural de CUAC FM ao longo dos seus 21 anos de existencia.

A través desta moción, o Concello da Coruña “fai unha declaración institucional de apoio a CUAC FM, a radio comunitaria de A Coruña, pola súa labor nos eidos da democratización mediática e o dereito da comunicación, a alfabetización mediática, o vertebramento do tecido asociativo, a dinamización social e cultural e a especial atención ós colectivos desfavorecidos e á sociedade civil organizada da Coruña e a súa área de influenza”.

Así mesmo, o Alcalde, en nome do pleno municipal enviará cartas de protesta  ao Presidente da Xunta de Galicia e á Secretaria Xeral de Comunicacións, para que arquiven o expediente sancionador aberto á CUAC FM e instando á Xunta de Galicia a abrir un trámite de consulta para coñecer os demandantes dun servizo de comunicación audiovisual radiofónica comunitaria sen ánimo de lucro existentes en Galicia e outorgar unha autorización temporal de emisión en Frecuencia Modulada a CUAC FM, que garanta o exercizo da liberdade de expresión e comunicación da cidadanía ata que a administracións xeral e autonómicas regulen axeitadamente o dereito de acceso dos medios comunitarios ao espazo radioeléctrico.

 

TEXTO DA MOCIÓN CONXUNTA A FAVOR DE CUAC FM

MOCIÓN conxunta de Marea Atlántica, BNG-AA e PSdG de apoio a CUAC FM e na defensa do dereito á liberdade de expresión e comunicación.

O pasado día 21 de setembro a Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral de Medios comunicou a Cuac FM a incoación dun expediente sancionador por emitir “sen dispor da correspondente licenza”. CUAC, Colectivo de Universitarios Activos, exponse a unha sanción administrativa que vai dos 100.001 aos 200.000€.

Cuac FM é unha das poucas emisoras comunitarias que existen en Galicia e a única establecida na nosa cidade. Cuac FM, ademais de ser un medio de comunicación comunitario sen ánimo de lucro, é un proxecto asociativo, cultural e educativo, que garante o acceso e a participación democrática da cidadanía na xestión dun medio de comunicación e nos seus contidos. O Colectivo de Universitarios Activos naceu en 1995 co fin de garantir o exercicio do dereito de acceso á comunicación e a liberdade de expresión da cidadanía, desenvolvendo a súa actividade de maneira continuada, os 365 días do ano.

Cuac FM comezou as súas emisións o 27 de marzo de 1996 dende o Campus Universitario de A Zapateira en virtude dun convenio de colaboración coa Universidade da Coruña. Dende entón pasaron polos seus micrófonos 452 programas, e máis de 1.200 persoas facendo comunicación radiofónica de xeito regular.

En CUAC FM participan actualmente 120 socios e socias, persoas individuais e institucións. Así, Cuac da voz a entidades sociais como CASCO (Comité ciudadano AntiSida de Coruña), Amnistía Internacional, ADEGA, Colexio Calasanz (PP. Escolapios), Fundación Albergue Padre Rubinos, Asociación Cultural Alexandre Bóveda, UTACA- Asociación de Ex-alcohólicos de A Coruña, Asociación Radio Prometea, ASPACE, Proxecto Cárcere, Iniciativa A CAMPA, ou a Universidade Sénior (UDC), entre outras.

Cuac Fm emite a través do 103.4 da FM dende o primeiro día, sen ter nunca interferido ou perxudicado a emisión de ningunha outra estación de radio en Galicia. A súa cobertura por ondas abrangue boa parte da área metropolitana da Coruña, e por Internet pódese escoitar en todo o mundo, sendo a primeira emisora local da cidade que emitiu pola rede tanto en podcasting coma en streaming, e a primeira en desenvolver aplicacións en mobilidade propias.

Cuac FM desenvolve tamén unha intensa actividade asociativa, sendo cofundadora e sede da  entidade máis representativa do sector en todo o estado, a Rede de Medios Comunitarios (ReMC). Tamén é cofundadora da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (REGARLIC) e membro da Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC), formando parte do seu Consello de Dirección en Europa.

As actividades de Cuac FM son moitas e ben coñecidas na cidade. Nestes mais de 20 anos desenvolveu obradoiros, palestras, o Congreso Europeo de Medios do Terceiro Sector, ciclos de concertos, actividades escénicas e teatrais, ademais de promover o Concurso de Bandas e Solistas (que vai pola XIX edición), un dos concursos de maquetas con mais solera da península para apoiar a músicos noveis.

CUAC é un espazo de alfabetización mediática e formación de comunicadores sociais. A través da súa “Escola de Radio e Asociacionismo” Cuac imparte, de maneira gratuíta, talleres de iniciación á radio a casi 100 personas ano ano, así como cursos de especialización para mellorar as competencias mediáticas de xóvenes e adultos. A elo hai que sumar a Escola de Verán de CUAC FM “Construíndo redes para unha comunicación alternativa”, ou os talleres que ten impartindo en colaboración con outras institucións como o Concello de A Coruña, A Unidade de Atención á Diversidade da UDC, as Universidades de Vigo e Compostela, a Fundación Xoán Soñador ou a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE).

Os medios comunitarios coma Cuac FM atopan a súa causa no dereito a comunicar a través de calquera medio. Un dereito fundamental, proclamado polo artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o artigo 10 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos e recollido tamén no artigo  20.1.a da Constitución Española. Os medios comunitarios están estendidos no contexto europeo. Tanto o Consello de Europa como o Parlamento Europeo teñen sinalado que os medios do chamado terceiro sector da comunicación son “unha ferramenta eficaz para reforzar a diversidade cultural e lingüística, a inclusión social e a identidade local; e que contribúen a alcanzar o obxectivo de mellorar a alfabetización mediática da cidadanía mediante a súa participación directa na creación e a difusión de contidos”. Así, na súa Resolución de 24 de xuño de 2008 do Parlamento Europeo, este insta aos Estados membros que “poñan a disposición destes proxectos o espectro necesario de frecuencias, analóxico e dixital, de radio y televisión, tendo en conta que o servizo prestado polos medios de comunicación comunitaria debe avaliarse polo valor social que representa”.

O desenvolvemento lexislativo deste dereito foi tardío no estado español, xa que non se produciu ata a Lei 7/2010 de 31 de marzo,  Lei Xeral de la Comunicación Audiovisual, que dá carta de natureza ao Terceiro Sector da Comunicación, a pesar de que este xa levaba existindo en 2010 preto de 30 anos. En concreto, o artigo 4 da lei proclama que “todas as persoas teñen dereito a que a comunicación audiovisual se preste a través dunha pluralidade de medios, tanto públicos, comerciais como comunitarios que reflictan o pluralismo ideolóxico, político e cultural da sociedade”.

Do mesmo xeito, no artigo 32.2 establece que “A  Administración Xeral do Estado debe garantir en todo caso a disponibilidade do dominio público radioeléctrico necesario para a prestación destes servizos”.

E por último, na súa Disposición Transitoria 14, apartado 2. prevé que “Respectando os ámbitos competenciais existentes, tanto o procedemento de concesión da licenza coma a concreción do marco de actuación dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro desenvolveranse regulamentariamente nun prazo máximo de doce meses dende a entrada en vigor da presente Lei.”

Tras seis anos de retraso sobre o prazo previsto na Lei 7/2010, ditos regulamentos continúan sen desenvolverse, a administración xeral do estado non reservou espazo radioeléctrico ningún para estes servizos, nin se outorgou frecuencia algunha na nosa Comunidade Autónoma, nin no resto do Estado Español, para os servizos de comunicación comunitarios preexistentes, o que os deixa nunha situación de clara indefensión e inseguridade xurídica. Cabe destacar, a Comunidade Foral de Navarra convocou un concurso para outorgar unha licencia na cidade de Pamplona o pasado 26 de xullo. Outras comunidades Autónomas, como Cataluña ou Aragón, tamén deron xa os seus primeiros pasos para regular a concesión de licenzas aos medios comunitarios.

 

Ante esta situación e atendendo ao exposto anteriormente, solicitamos do Pleno do Concello da Coruña:

  1. Instar á Xunta de Galicia, nomeadamente á Secretaría Xeral de Medios, a buscar fórmulas xurídicas que eviten a sanción ao Colectivo de Universitarios Activos e que xa ten provocado o cese das súas emisións na frecuencia modulada. Así, debe prevalecer o dereito fundamental e constitucional á liberdade de expresión e comunicación por enriba de lexislacións inferiores que non desenvolven axeitadamente o dereito da cidadanía a comunicar (artículo 20.1.d CE) e tendo en conta que “corresponde aos poderes públicos promover as condicións para a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social” (artículo 9.2 da Constitución Española).
  2. Instar á Xunta de Galicia, nomeadamente á Secretaria Xeral de Medios a abrir un trámite de consulta para coñecer os demandantes dun servizo de comunicación audiovisual radiofónica comunitaria sen ánimo de lucro existentes en Galicia e así cumprir o Decreto 102/2012, de 29 de marzo,  polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e mais concretamente o artigo 32.2 referente ao outorgamento de licencias a este tipo de emisoras.
  3. Instar á Xunta de Galicia a outorgar unha autorización temporal de emisión en Frecuencia Modulada a CUAC FM, que garanta o exercizo da liberdade de expresión e comunicación da cidadanía ata que a administracións xeral e autonómicas regulen axeitadamente o dereito de acceso dos medios comunitarios ao espazo radioeléctrico.
  4. Instar ao Goberno do estado a desenvolver de maneira prioritaria a normativa relativa a outorgar autorizacións de emisión a servizos de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro existentes. Así, tal e como dicta o Tribunal Constitucional na súa sentenza 98/1994, de 11 de abril de 1994, sobre a vulneración por parte da Administración Pública dos dereitos de liberdade de expresión e comunicación pola  omisión de desenvolvemento lexislativo impeditiva do seu exercício: “Lo que no puede el legislador es diferir «sine die», más allá de todo tiempo razonable y sin que existan razones que justifiquen la demora, la regulación de una actividad, como es en este caso la gestión indirecta de la televisión local por cable, que afecta directamente al ejercicio de un derecho fundamental como son los reconocidos en el art. 20.1 a) y d) C.E., pues la ausencia de regulación legal comporta, de hecho, como ha ocurrido en los supuestos que han dado lugar a los presentes recursos de amparo, no una regulación limitativa del derecho fundamental, sino la prohibición lisa y llana de aquella actividad que es ejercicio de la libertad de comunicación que garantizan los apartados a) y d) del art. 20.1 C.E.”
  5. Instar á Administración Xeral do Estado, nomeadamente a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade de Información (SETSI), a habilitar o dominio público radioeléctrico necesario para a prestación dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios (art. 32 LGCA). Prevendo distintos ámbitos de coberturas (local, autonómico e estatal) nos distintos soportes (radio e televisión); dando resposta ás solicitudes realizadas polas CC.AA que requiren frecuencias para adxudicar ás entidades que solicitan licenzas de Servizos de Comunicación Audiovisual Comunitarios. E a que establezan o procedemento de concesión de licenzas para os Servizos de Comunicación Audiovisual Comunitarios previsto na DT 14º  da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que xa chega con máis de seis anos de atraso.
  6. Instar á Xunta de Galicia, nomeadamente á Secretaria Xeral de Medios o cumprimento de xeito real, actual e efectivo do artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos; a Declaración de Maputo sobre Promover a Liberdade de Expresión, o Acceso á Información e a Emancipación das Persoas; as recomendacións na materia dos Relatores Especiais para a Liberdade de Expresión da ONU e da OSCE (que recomendan o reparto equitativo do espectro radioeléctrico entre medios públicos, privados comerciais e comunitarios); así como a Declaración do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre o rol dos medios comunitarios para promover a cohesión social e o diálogo intercultural de 2009; os artigos 20.1 apartados a) e d) da Constitución Española; o artigo 4 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual; e a sección terceira do Decreto da Xunta de Galicia 102/2012. Normas e declaracións todas elas coincidentes no papel socialmente beneficioso e imprescindible que xogan os medios do Terceiro Sector da comunicación.
  7. Facer unha declaración institucional de apoio a CUAC FM, a radio comunitaria de A Coruña, pola súa labor nos eidos da democratización mediática e o dereito da comunicación, a alfabetización mediática, o vertebramento do tecido asociativo, a dinamización social e cultural e a especial atención ós colectivos desfavorecidos e á sociedade civil organizada da Coruña e a súa área de influenza.

Deixar unha resposta