CUAC FM dedicará o mércores 11 de novembro, de 17:00 a 20:00 horas, un programa especial a seguir en directo a xornada de folga xeral, coa manifestación unitaria da Coruña ás 18:00 como un dos momentos centrais. O especial incluirá conexións desde distintos puntos da cidade, un percorrido polas cidades galegas e conexións con outras cidades do Estado.
O especial de CUAC poderá escoitarse no 103.4 FM, nas apps e na web cuacfm.org. Durante tres horas, a emisora recollerá o pulo da xornada coas voces de quen a estea vivindo nas rúas e nos centros de traballo. Haberá conexións en directo desde toda a cidade, un percorrido polas principais cidades galegas e conexións con outras cidades do Estado para coñecer como se vive a folga fóra de Galiza.
O programa coincidirá coa manifestación unitaria de sindicatos e colectivos sociais na Coruña, convocada ás 18:00 horas desde o cruzamento da Ronda de Outeiro coa avenida de Fisterra. Están convocantes UGT, CCOO, a CIG e o Sindicato de Vivenda da Coruña, que chaman a cidadanía a sumarse contra a situación da vivenda, a suba dos prezos dos bens básicos e os incrementos derivados da crise enerxética. Entre as reivindicacións figuran a suba salarial, a redución de xornada, a erradicación da precariedade e unha solución á crise habitacional.
A convocatoria
A folga xeral foi convocada para o 11 de novembro por distintas organizacións sindicais. No caso da CIG, abrangue o persoal das empresas privadas e do sector público en todo o territorio galego, incluído o persoal funcionario, estatutario e laboral, e vai das 00:00 ás 24:00 horas, coas adaptacións previstas para as empresas con varias quendas e para os medios de comunicación.
Baixo o lema «Galiza en loita por unha vida digna», a CIG esixe á Xunta e ao Goberno español un Plan de Choque para frear o deterioro das condicións de vida da clase traballadora. Entre as súas demandas están fixar o salario mínimo interprofesional en 1.374,74 euros mensuais, prohibir os desafiuzamentos, conxelar as cláusulas de actualización das rendas dos alugueiros, a intervención pública en sectores estratéxicos e o reforzo dos servizos públicos. UGT e CCOO, polo seu lado, levan o lema «Que a vivenda non se coma a túa nómina» e poñen o acento nos salarios e nos prezos.
A xornada na Coruña
As mobilizacións comezan antes de que arranque oficialmente a folga. A CIG instalará piquetes informativos desde as 22:00 desta noite en Prezero, a empresa de recollida de lixo, e continuarán ás 5:45 nas cocheiras de Tranvías, ás 6:30 no polígono de Sabón (Arteixo), ás 7:30 na Grela e pola mañá na praza de Lugo.
Ao longo do día haberá varias citas:
- 10:00: o Sindicato de Vivenda da Coruña convoca unha acción colectiva no Obelisco, onde invita a levar alfombras, lámpadas e outros enseres do fogar para simbolizar as casas que, segundo denuncia, non se poden ter.
- 12:00: manifestación da CIG na Praza de Vigo, e de UGT e CCOO na Palloza.
- Durante todo o día: a Casa da Folga estará aberta de 9:00 a 22:00 horas na Revolteira, cunha comida popular ás 14:30.
- 17:15: saída conxunta desde a Casa da Folga cara á manifestación.
- 18:00: manifestación unitaria, que a CIG tamén apoia na Coruña e no resto das cidades galegas.
A CIG convocou ademais un total de 17 mobilizacións en Galiza, como as de Carballo e Cee ás 12:00 horas, ou as de Vigo, Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense.
Sigue o especial de CUAC descargando a app da emisora, na 103.4FM ou na nosa web.