Radio, vídeo e app: así cubriu CUAC FM o DATAfórum Justicia

CUAC FM cubriu o DATAfórum Justicia, celebrado en Palexco do 21 ao 23 de outubro, con radio, vídeo e contidos propios na súa app. Un equipo dunhas 17 persoas voluntarias realizou un programa especial en directo, retransmitiu a final do DATAthon e ampliou con entrevistas para «Dataforum Xustiza» na app da emisora.

Radio, vídeo e app: así cubriu CUAC FM o DATAfórum Justicia

Do 21 ao 23 de outubro, Palexco acolleu na Coruña o DATAfórum Justicia, encontro anual dedicado á transformación dixital da xustiza. Está organizado polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, coa colaboración da Universidade da Coruña e do Concello. CUAC FM participou durante os tres días cun equipo de unhas 17 persoas voluntarias.

Parte do equipo de CUAC FM no Dataforum.

Especial en directo do mércores 21

A emisora realizou un programa especial en directo desde o recinto na mañá do mércores. Nel participaron Javier Hernández Díez, director do foro; Xulio Ferreiro, decano da Facultade de Dereito da UDC; Juan Cámara, profesor da área de Dereito Procesual da UDC; e as estudantes de Dereito Alicia, Paula, Laura, Alba e Rocío, da Uvigo e de Cantabria, que traballaban no reto sobre neurodivergencia e xustiza. Tamén foron entrevistados David Fraguela (NTT Data), Paco Loba (Pega), Celestino García (AMETIC), José Ignacio Latorre, físico cuántico, e Noemí Morte, médica forense e directora do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia.

Ferreiro explicou como se xestou a chegada do foro á Coruña e destacou o carácter transversal do evento, que reúne dereito, informática, medicina e socioloxía, así como a participación estudantil, que cifrou nun 50 %, e a apertura á cidadanía. Avanzou ademais as liñas da edición: o DATAthon, o Prompathón, xuízos simulados con nenos e nenas e unha xornada cultural de peche.

Fraguela explicou como a intelixencia artificial e a robotización están a transformar a xustiza. Segundo indicou, os procedementos monitorios, que supoñen o 60 % do civil, pasaron de preto dun ano a un mes de tramitación. Engadiu que o rexistro e o reparto automáticos son agora inmediatos e situou España moi por diante da media europea no Justice Scoreboard.

Morte desmontou a imaxe televisiva da medicina forense: entre o 80 % e o 90 % do traballo realízase sobre persoas vivas, nos ámbitos da clínica forense, como a valoración da capacidade ou a atención ás vítimas de violencia. Reivindicou tamén máis visibilidade para a profesión fóra dos xulgados.

A final do DATAthon, en vídeo

O venres 23, CUAC FM retransmitiu en vídeo e en directo a final do DATAthon Justicia. Nesta competición, equipos de estudantes de distintas disciplinas presentaron propostas a tres retos: desigualdade silenciosa, infancia e xuventude, e neurodiverxencia.

Contidos adicionais na app

A cobertura incluíu ademais contidos adicionais. Desde Palexco realizouse un especial do programa Café con gotas. Na app de CUAC FM, na sección do programa «Dataforum Xustiza», están dispoñibles as entrevistas do especial do mércores e outras realizadas nos días seguintes: o 22 de outubro, a Roberto González Arranz, responsable de comunicación e marca do DATAfórum, e a Aitor Cubo Contreras, director xeral de Transformación Dixital da Administración de Xustiza; e o 23 de outubro, a Raúl Renales Agüero, xerente de Servizos de Ciberseguridade do Ministerio de Xustiza.

Parte do equipo de CUAC no set de directo da emisora no Dataforum.

CUAC FM agradece o compromiso das persoas voluntarias que fixeron posible esta cobertura, un traballo colectivo que reflicte o carácter comunitario da emisora. Calquera persoa pode asociarse, apoiar e colaborar co proxecto de CUAC FM.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir