CUAC FM estrea tempada cunha grella renovada e tres estreas

CUAC FM 103.4 estrea nova tempada cunha grella renovada. O cambio máis visible chega pola mañá, coa incorporación en directo de La Cafetera de 8.30 a 10.00, e pola noite, co traslado de Carne Cruda ao horario de madrugada. Pero o groso da grella segue a ser, coma sempre, produción propia: máis de trinta programas feitos por e para a comunidade, entre os que estrean esta tempada El Kiosko de la Radio, Latido Jaime e Artéxtasis.

CUAC FM encara a nova tempada cunha grella renovada. O cambio máis destacado é a creación dun bloque informativo que arrinca ás 8.00 da mañá, no que se incorpora a emisión en directo de La Cafetera, o espazo de actualidade de radiocable.com dirixido por Fernando Berlín, entre as 8.30 e as 10.00. Poderase seguir tanto a través do 103.4 FM como da app de CUAC FM. Pola noite, Carne Cruda, o programa de información política e social de Javier Gallego, múdase á franxa de late night, ocupando agora o espazo de madrugada.

Máis aló destes dous axustes, a nova grella dá continuidade —e protagonismo— á ampla produción propia de CUAC FM, con programas que cobren dende a actualidade e a cultura ata a música, a ciencia ou o motor.

Os luns, Acrobacias sobre un Queso Rancio achega humor absurdo ás 17.00; DJ Gaby Oro repasa todos os estilos e épocas da música ás 18.00; e El Desinformativo, en emisión dende 2004, ofrece crítica social e política ás 20.00.

Os martes, Onda Ciencia trae divulgación científica da man da UDC ás 13.00; Escuela de Familias, o espazo de sensibilización do voluntariado promovido por Accem, emite ás 16.00; A Fume de Carozo, feito polo alumnado do Colexio Calasanz para fomentar a oralidade en galego, ás 17.00; Recendo, o maxazine cultural da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, ás 19.00; Enworking, sobre psicoloxía positiva aplicada ao benestar, ás 20.00; e como estrea desta tempada, Latido Jaime, un espazo de conversas persoais e íntimas, ás 21.00.

Os mércores, Radio 50 y Pico, proxecto da Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (FEGAUS), ocupa a franxa das 12.00 e amplia duración a dúas horas; Café con Gotas achega entrevistas, música e axenda cultural ás 16.00; Alegría combina entrevistas e actualidade ás 19.00; Frecuencia Electrónica pon a música electrónica ás 20.00; e Simplemente Gente fala de diversidade cultural e dereitos das persoas migrantes ás 21.00.

Os xoves, El Orador trae os seus debates ao estilo parlamentario da man da asociación AUDC ás 17.00; Estrelados na Estratosfera trase as mellores entrevistas ás 18.00; Radio Relatos, coa narrativa oral en primeira persoa, ás 19.00; en Ecuación resolven multitude de ecuacións, ás 20.00; Cuak’n’Roll, con rock, blues e folk afastados das radiofórmulas, ás 21.00; Vellenials, humor en galego, ás 22.00; e Escape Motor, referencia informativa do mundo do motor, ás 23.00.

Os venres, Radio en Ruta, feito polo alumnado do programa Ruta da Fundación Amador de Castro, emite ás 10.00; Trecépolis propón unha viaxe polas músicas do mundo ás 16.00; La Taberna de la Verdad trata temas variados con ton cómico e reflexivo ás 18.00; Mi Rollo es el Rock ás 19.00; Velaí Vai, humor e reflexións sobre a vida cotiá, ás 20.00; e Sueños Diabólicos, cinefilia sen filtros, ás 22.00.

Os sábados, Orión trae rock e heavy con entrevistas a bandas galegas ás 11.00; Saficonas, o podcast sobre o colectivo LGTBIQ+ en colaboración con Les Coruña, ás 12.00; Malhumorhadas toman o relevo, ás 13.00; Desde 1m Más Abajo, onde se entrevista a rapaces novos sobre a súa visión da vida das persoas maiores, ás 19.00; e Music Box, música electrónica presentada por Iván Pérez, ás 20.00.

E os domingos, coma estrea desta tempada, El Kiosko de la Radio, magazine matutino que conecta a Coruña de onte coa de hoxe, ás 11.00; Radio Parafuso, centrado na saúde mental, ás 12.00; Nubes de Papel, sobre literatura, arte e cultura, ás 20.00; a tamén estrea Artéxtasis, adicado á arte e á música en directo, ás 18.00; e Circo Pirata, música e humor, ás 23.00, para pechar a semana.

A grella completa, con todos os horarios, xa está dispoñible na web e na app de CUAC FM. Escoita a radio comunitaria da Coruña sintonizando a 103.4FM e en calquera parte do mundo desde as nosas app gratuitas, a mellor calidade de audio sen publicidade.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir