Unha radio comunitaria máis en risco: CUAC FM apoia a Radio Enlace fronte ao peche do seu local

O concelleiro do Partido Popular do distrito madrileño de Hortaleza esixiu esta semana o abandono “inmediato” do local municipal que Radio Enlace ocupa desde 2022, deixando sen espazo a programas realizados por persoas con mobilidade reducida e outros colectivos. Desde CUAC FM, emisora comunitaria tamén, sumámonos á rede de apoio a Radio Enlace nun momento crítico para a súa continuidade.

A emisora comunitaria de Hortaleza, Radio Enlace, recibiu o pasado venres 31 de xullo unha notificación do concelleiro presidente do distrito, David Pérez (PP), que esixe “con carácter inmediato” o abandono do local municipal da rúa Matapozuelos, na coñecida Casita do Conserxe do antigo colexio Rubén Darío, en Canillas. O escrito reclama a entrega das chaves e o local libre de mobles, ao considerar rematado o prazo de cesión e as súas prórrogas o pasado 22 de xuño.

Este local, cedido en 2022 baixo un decreto que autorizaba a ocupación temporal por un máximo de catro anos incluídas as prórrogas, converteuse nun espazo esencial para a actividade da emisora. Alí prodúcense programas realizados por persoas con discapacidade e problemas de mobilidade, como Deseos Rodantes (antes Rodando con la Sexualidad), Surfeando la Soledad ou Abraza la Sonrisa, ademais de talleres de radio escolares con institutos públicos e entidades como Aprocor, Fundación Gil Gayarre ou a Unión de Radios Comunitarias de Madrid.

Malia que en febreiro deste ano a Xunta Municipal xa comunicara a Radio Enlace o fin do prazo de cesión, a emisora seguiu a utilizar as instalacións con normalidade despois de solicitar, sen resposta, poder manter o uso do espazo ata a publicación das bases dun novo concurso público.

Esta non é a primeira vez que a xestión do concelleiro David Pérez afecta a Radio Enlace: o ano pasado a emisora perdeu tamén a súa caseta histórica nas festas do distrito tras unha modificación das bases do concurso de adxudicación.

Radio Enlace comezou a emitir en 1989 desde un soto sen luz nin ventilación na rúa Costa del Sol de Hortaleza, e é hoxe unha das voces máis veteranas do panorama radiofónico comunitario do Estado. Desde CUAC FM, coñecedores de primeira man do valor —e da fraxilidade— dos proxectos de radio comunitaria, seguimos con atención esta situación e amosamos o noso apoio a Radio Enlace e a todas as persoas que fan posible a súa programación.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir