O XXXIX Festival Noroeste Estrella Galicia xa ten cartel completo, con máis de 40 artistas e nomes como Bomba Estéreo, Rusowsky, Yerai Cortés, Sprints ou Ángel Stanich. Entre as confirmacións destacan Tsunami Arise e Apolo18, gañadores do XXVIII Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM, que subirán aos escenarios da Coruña do 5 ao 8 de agosto.
Xa está aquí o tan agardado cartel completo da XXXIX edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que reúne a máis de 40 artistas nunha programación na que máis da metade das bandas son de orixe galega. Entre as novas confirmacións destacan Bomba Estéreo, Rusowsky, Yerai Cortés, Sprints e Ángel Stanich, que se suman a un cartel presentado na Casa Museo Casares Quiroga coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; Víctor Mantiñán, director de Activación en Iberia de Hijos de Rivera; e Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia.
Entre as confirmacións sobresae a presenza de Tsunami Arise e Apolo18, gañadores do XXVIII Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM, que compartirán escenario con artistas consagrados e emerxentes durante os catro días de festival.
Tsunami Arise, banda galega de metal, chega a esta edición co seu novo traballo Mundocadaver. Pola súa banda, Apolo18, formación coruñesa creada en 2025 por cinco mozos de entre 18 e 20 anos, presenta unha proposta influenciada polo rock alternativo dos anos 90, con voces sensibles diluídas entre guitarras distorsionadas e unha base rítmica enérxica e contundente.
A artista coruñesa Julia Lago foi a encargada do deseño da gráfica desta trixésimo novena edición, inspirándose no ambiente que enche a cidade durante a celebración do festival. Os concertos terán lugar nos escenarios da praia de Riazor, María Pita, Azcárraga, Campo da Leña, Santa Margarida, O Portiño e o Castelo de Santo Antón, do 5 ao 8 de agosto.
Como cada ano, o festival contará tamén con actividades paralelas: Contos ao Noroeste e Noroestiño, do 6 ao 9 de agosto nos Xardíns de Méndez Núñez; o tradicional Mercado de Discos; e, como novidade, unha exposición sobre a memoria musical do festival na Casa Museo Casares Quiroga, do 30 de xullo ao 8 de agosto.
O Festival Noroeste Estrella Galicia está organizado polo Concello da Coruña, co patrocinio de Estrella Galicia e o apoio da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, e segue a ser un dos festivais urbanos gratuítos de referencia a nivel estatal e europeo.
