Un mundo, unha soa saúde

Un mundo, unha soa saúde
Na imaxe: Blanca Laffon, Miguel Cuerva, Isabel Lema e Elvira Santiago

Onda Ciencia mergúllase de cheo no paradigma “One World, One Health” (‘Un mundo, unha soa saúde’), un enfoque global que nos lembra que a saúde humana, a animal e a ambiental están totalmente interconectadas. Nun contexto marcado polos retos climáticos e tecnolóxicos, o programa analiza como non é posible protexer o noso benestar sen coidar os ecosistemas nin sen previr riscos globais: desde as ameazas zoonóticas (enfermidades que saltan de animais a humanos) nas granxas ata os novos contaminantes invisibles que entran no noso corpo no día a día.

Para comprender este complexo escenario, onde se cruzan a ciencia, a xestión do risco e a desinformación, o programa, contou con tres voces expertas da Universidade da Coruña:

  • Blanca Laffon Lage, catedrática no Departamento de Psicoloxía, directora do Grupo de Diagnóstico Condutual e Molecular Aplicado á Saúde (DICOMOSA).
  • Miguel Cuerva Vidales,  investigador posdoutoral do Grupo Nanoself, tamén asociado ao CICA; participante no proxecto europeo FLUFET para a detección temperá de ameazas zoonóticas e prevención de pandemias.
  • Elvira Santiago Gómez, profesora no Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación e investigadora do Laboratorio de Análise e Prospectiva Sociopolítica da UDC.

ESCOITA O PODCAST “UN MUNDO, UNHA SOA SAÚDE”

Contido do programa

O debate articulouse arredor das traxectorias e investigacións de cada unha das persoas convidadas, achegando luz sobre os temas que máis preocupan á comunidade científica e á cidadanía vinculados a saúde global. Miguel Cuerva Vidales explicou o seu traballo no proxecto europeo FLUFET, dedicado á detección temperá de ameazas zoonóticas. Cuerva analizou como se investiga directamente nas granxas para predicir cando un virus pode mutar e saltar aos humanos, e puxo sobre a mesa o debate arredor do impacto dos modelos de explotación intensiva (macrogranxas) na saúde pública global.

Blanca Laffon Lage abordou como os factores ambientais desfavorables nos afectan desde a etapa intrauterina, condicionando a nosa fraxilidade no envellecemento. Desde o seu papel de experta en nanotoxicoloxía, alertou sobre os efectos que teñen na nosa saúde —especialmente no sistema nervioso— os novos nanomateriais presentes en produtos cotiáns como cosméticos ou cremas solares.

Elvira Santiago Gómez achegou a clave social e política. Como experta en xestión de riscos por desastres ambientais na UE, analizou como se constrúe e mantén a confianza pública nas institucións fronte a crises sanitarias (como a covid-19) cando o ruído mediático e a desinformación entra en xogo.

O episodio pechouse cunha interesante reflexión sobre a necesidade de institucionalizar novas figuras profesionais na divulgación científica que fagan de intermediarias estables entre o que se investiga nos centros de ciencia e a xente da rúa.

ESCOITA ONDA CIENCIA NA NOSA CANLE DE YOUTUBE

ONDA CIENCIA

Onda Ciencia emítese os martes ás 13:00 h no 103.4 da FM e no streaming:https://cuacfm.org/directo/.

Podes escoitar e descargar todos os episodios do podcast na páxina web do programa: https://cuacfm.org/radioco/programmes/onda-ciencia/.

Tamén podes revisar todos os episodios de Onda Ciencia nos espazos de CUAC FM en YouTubeSpotifyAcast, ou Ivoox.

EQUIPO TÉCNICO: 

  • Yolanda Golías Pérez M.ª Cristina Naya Riveiro: idea, proposta de temáticas e preprodución.
  • Isabel Lema Blanco: produción, presentación e condución do programa.
  • Chema Casanova e Mariano Fernández: controis técnicos.
  • Miguel Anxo Facal: edición, posprodución e difusión nas redes sociais.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir