Os ‘OSCUACS’ coroan as Malhumorhadas como Mellor Programa na gala do 30 aniversario de CUAC FM

A radio comunitaria da Coruña celebrou o sábado 13 de xuño a gala dos seus Premios OSCUACS, os galardóns máis sinceramente amañados da historia da radiodifusión, no auditorio de Afundación no Cantón Grande. Ante un público entregado e coa colaboración do Concello da Coruña, CUAC FM reuniu a toda a súa familia para recoñecer, entre risas e emoción, o traballo voluntario de quen fai posible 30 anos de radio libre e independente na Coruña.

A gala dos OSCUACS é, por definición, a cerimonia de premios onde todo o mundo sabe que hai tongo. E precisamente aí reside a súa maxia: o importante non é ser mellor que ninguén, senón xuntarse a celebrar o que se constrúe colectivamente. Este ano, no marco do 30 aniversario da emisora, a festa adquiriu unha dimensión especial.

OSCUACS 26

Entre os grandes protagonistas da noite destacaron tres programas que representan ben a diversidade da grella de CUAC FM. Malhumorhadas, que se alzou co galardón ao Mellor Programa, é un espazo de sociedade e cultura que, con oito tempadas ás costas, combina humor, música e compromiso con proxectos e movementos sociais. Nubes de Papel, recoñecido como o Programa Mellor Dirixido, é un percorrido polo mundo literario, a pintura, a escultura e a música da Coruña, cunha proposta que leva máis de dez tempadas dando voz á cultura local. E Cuak and Roll, Mellor Programa Musical, é un clásico xa das ondas comunitarias da cidade, un espazo que foxe das radioformulas para achegar ao público unha ampla diversidade de xéneros: rock, blues, country, soul, folk, punk ou heavy metal, entre outros.

Malhumoradas Oscuacs

A noite tivo un dos seus momentos máis aplaudidos coa actuación sorpresa do coro Somos Voces Coruña, con Marian Ledesma como cantante solista e Anxo Seco ao piano, que puxeron a emoción que só a música en directo é capaz de ofrecer.

Palmarés completo dos OSCUACS 2026
CategoríaPremiado/a
Mellor LocutorJorge Varela
Mellor LocutoraBegoña Picón
Mellor TécnicoChesto Rey
Programa Mellor DirixidoNubes de Papel
Programa Mellor ProducidoEstrelados na Estratosfera
Mellor Programa de EntretementoEl Malinformado
Mellor Programa MusicalCuak and Roll
Mellor Programa MagazinePut the Break Mister Cupcake
Mellor ProgramaMalhumorhadas

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir