O programa de CUAC FM recibiu a escritora e biógrafa Beatriz Maceda para analizar a figura da xornalista e novelista viguesa, á que a Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras Galegas, que se celebra o 17 de maio.
O espazo Recendo, programa da Alexandre Bóveda que emite en CUAC FM, dedicou o seu último programa á figura de Begoña Camaño, xornalista, escritora e activista homenaxeada das Letras Galegas 2026. Para falar da súa vida e da súa obra, o programa contou coa presenza da escritora Beatriz Maceda, autora da biografía Begoña, o pracer da amizade, froito dun longo proceso de investigación e documentación desenvolvido durante o verán de 2025.
Camaño, nada en Vigo en 1964, é a sétima muller homenaxeada a título individual, tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Victoria Moreno, Xela Arias e Luisa Villalta. Iniciou a súa carreira xornalística en Radio Noroeste a mediados dos anos oitenta, para pasar posteriormente á Radio Galega, onde dirixiu e presentou programas como Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite, e participou nas primeiras mobilizacións contra a manipulación informativa no contexto do Prestige.

Maceda destacou a coerencia como trazo definitorio da personalidade de Camaño: «Desde pequena ela é coherente totalmente con todo o que vai facendo ao longo da súa vida», afirmou durante a entrevista. A biógrafa subliñou tamén o seu compromiso co feminismo, o antimilitarismo, a diversidade e os dereitos das persoas máis vulnerables, tanto dentro como fóra do ámbito profesional. Camaño foi cofundadora en 1997 de MUGACOM, organización de mulleres galegas na comunicación, xunto con Ana Romaní e Teresa Varela, e impulsou estudos sobre a situación da muller nos medios.
A conversa abordou tamén a relación de Camaño coa CRTVG (agora CSAG) e a súa defensa dos medios públicos. Maceda lembrou que Camaño participou nas mobilizacións contra a manipulación informativa na Radio Galega e que era especialmente coidadosa co uso da linguaxe, alertando contra o emprego de termos que distorsionan a realidade. A biógrafa sinalou que Camaño chegou a falar abertamente sobre o deterioro do ente público nunha entrevista emitida na propia TVG, e considerou que, de estar viva, «estaría aí loitando, sen ningún tipo de dúbida». Maceda lamentou ademais que a Radio e Televisión galegas non teñan todos os programas de Camaño accesibles de forma destacada na súa fonoteca nun ano en que é a figura homenaxeada das Letras Galegas, e reclamou que se poidan escoitar «cun só clic».

No terreo literario, Camaño debutou como novelista aos 45 anos. A conversa repasou as súas dúas obras publicadas: Circe ou O Pracer do Azul, que recupera a voz de Circe e Penélope desde o xénero epistolar, e Morgana en Esmelle, gañadora do Premio da Crítica de Narrativa en Galego e do Premio Ángel Casal da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que reconstrúe a figura de Morgana dentro do ciclo artúrico. Para Maceda, ambas sitúanse «entre as mellores novelas da literatura galega do século XXI». O programa tamén abordou os apuntamentos que Camaño deixou para unha posible novela sobre Xerezade. O programa xa está dispoñible en Radioco.
Ademais de Recendo, o programa A Fume de Carozo tamén dedicou un especial a Begoña Camaño.
Recendo · CUAC FM 103.4
Begoña Camaño, homenaxeada das Letras Galegas 2025
Conversa con Beatriz Maceda, biógrafa de Begoña Camaño, sobre a súa traxectoria xornalística, o seu activismo e a súa obra literaria.