O ReMCuentro 26 inaugurou este venres as súas xornadas no espazo NORMAL da Universidade da Coruña cun coloquio no que xornalistas, investigadores e expertas en comunicación debateron sobre os obstáculos á democratización mediática en España e Galicia: a pendente regularización dos medios comunitarios, a situación dos medios públicos galegos e os mecanismos de propagación da desinformación.
A Coruña acolleu esta tarde o acto inaugural do ReMCuentro 26, o Encontro Estatal de Medios Comunitarios organizado por CUAC FM no marco do seu 30 aniversario. A partir das 19:00 horas, o espazo NORMAL da Universidade da Coruña foi o escenario do coloquio “Democratización mediática: utopía ou realidade? Retos, barreiras e oportunidades para a transformación do ecosistema mediático”, moderado pola investigadora e co-fundadora de RICCAP Isabel Lema Blanco.
O debate contou coa participación de tres voces de referencia no ámbito da comunicación: o xornalista e historiador José Emilio Pérez Martínez, presidente da URCM e membro de RICCAP; o xornalista coruñés Alfonso Hermida Mejuto, ex-traballador da Televisión de Galicia; e Salomé Herce, xornalista, antropóloga e responsable de comunicación contra o discurso de odio e as campañas de desinformación na Secretaría de Estado de Comunicación.
A regularización pendente dos medios comunitarios
José Emilio Pérez foi directo ao sinalizar un dos principais problemas estruturais do sector: a ausencia dunha vontade política real para avanzar na súa regulación. Trala décadas de actividade das radios e medios comunitarios en España, o sector continúa á espera dun marco normativo que recoñeza e garanta o seu funcionamento en condicións democráticas.
Medios públicos galegos: un diagnóstico preocupante
Alfonso Hermida situou o foco na situación dos medios públicos galegos, que cualificou de sangrante. Na súa intervención, sinalou as importantes eivas que presentan actualmente a Radio Galega e a Televisión de Galicia, e apuntou que a tendencia non é de mellora. Como exemplo da cobertura deficiente, recordou o tratamento que fixo a TVG da vaga de lumes do pasado verán. Hermida tamén puxo de relevo a eliminación, na última lei de medios galegos, da obriga de contar cun consello de informativos na TVG, un mecanismo de garantía da independencia informativa que noutras radiotelevisións públicas é considerado esencial.
O xornalista aproveitou tamén para recoñecer o papel de CUAC FM como aliado da plataforma Defende a Galega, destacando que a emisora comunitaria coruñesa acolleu sempre con respecto as reivindicacións en defensa da lingua galega.
Desinformación: pedagoxía antes que desmentido
Salomé Herce abordou os mecanismos de propagación da desinformación e os bulos. Subliñou que, aínda que estes fenómenos non son novos, a velocidade á que se difunden hoxe está condicionada tanto polo desenvolvemento tecnolóxico e o papel dos algoritmos como por transformacións sociais e psicolóxicas na forma en que a cidadanía consume información.
Fronte ao pesimismo, Herce apostou pola pedagoxía e a educación mediática como ferramentas preventivas. Explicou a existencia dunha xanela de 24 a 48 horas para desmentir bulos de forma eficaz, pero incidiu en que a resposta reactiva non é suficiente: a clave está en construír cultura mediática desde os propios medios, antes de que os bulos ocorran, para que a cidadanía desenvolva capacidade crítica no consumo de información.
Inicio das xornadas
O coloquio inaugural supuxo o pistoletazo de saída das xornadas do ReMCuentro 26, que se desenvolverán ata o domingo 19 de abril entre o espazo NORMAL e outros espazos da Universidade da Coruña, con actividades abertas ao público.