CUAC FM revela a portada do libro do seu 30 aniversario, obra de Manel Cráneo

CUAC FM comeza a quentar motores para a celebración do seu 30 aniversario coa presentación pública da portada do libro conmemorativo Qué bonitas son as ondas radiofónicas: 30 anos de CUAC FM, que verá a luz oficialmente o 30 de decembro.

A ilustración da portada é obra de Manel Cráneo, recoñecido ilustrador e autor de banda deseñada, director do festival Viñetas do Atlántico e figura clave da cultura gráfica galega contemporánea. Ademais, Cráneo mantén unha ligazón persoal e histórica coa emisora, xa que foi locutor de CUAC FM nos seus anos mozos, cando a radio daba os seus primeiros pasos no Campus da Zapateira.

A portada amosa unha escena chea de forza, humor e simbolismo, na que as ondas radiofónicas se converten nunha gran marea creativa que percorre a cidade. Cun estilo expresivo e recoñecible, a ilustración reflicte o espírito libre, comunitario e inconformista de CUAC FM ao longo destas tres décadas de radio sen ánimo de lucro, emitindo no 103.4 da FM dende marzo de 1996.

Que bonitas son as ondas radiofónicas coa cuberta de Manel Cráneo.
Portada de Manel Cráneo para ‘Que bonitas son as ondas radiofónicas: 30 anos de CUAC FM’.

Manel Cráneo conta cunha ampla traxectoria no ámbito da ilustración, a banda deseñada e a xestión cultural. É autor de múltiples proxectos gráficos, colaborador habitual en medios e editoriais, e unha das persoas responsables de situar A Coruña como referente internacional da ilustración a través de Viñetas do Atlántico, un dos festivais de cómic máis importantes do Estado.

O libro Qué bonitas son as ondas radiofónicas: 30 anos de CUAC FM é unha obra de autoría colectiva, con achegas de 77 persoas entre textos, ilustracións e fotografías, e foi posible grazas a un convenio entre a Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e CUAC FM, xestionada polo Colectivo de Universitarios Activos.

A presentación oficial do libro terá lugar o martes 30 de decembro ás 19:00 horas no Salón de Actos do Circo de Artesáns da Coruña, con entrada gratuíta. Todas as persoas asistentes recibirán un exemplar da obra. Ao acto asistirán Inés Rey, alcaldesa da Coruña, e Ricardo Cao, reitor da UDC ademáis doutros representantes do concello e da Universidade.A presentación poderá seguirse en directo pola 103.4FM, en www.cuacfm.org e nas nosas apps.

Presentación do libro de CUAC FM

Data: 30 de decembro 2025 · Hora: 19:00 · Lugar: Circo de Artesáns, rúa Santo André
Consulta posibles cambios no noso sitio web.

Para asistir é preciso inscribirse:

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir