CUAC FM, a Radio Comunitaria da Coruña, estará un ano máis no monte de Santa Margarida o próximo sábado 10 de maio co programa Especial Día da Ciencia na Rúa. A de 2025 será a décima primeira temporada desde programa especial comunitario que celebra coa rapazada a investigación e o coñecemento científico.
Nesta edición do programa, entre outros, os nosos reporteiros e reporteiras falarán co alumnado do IES Ramón Menéndez Pidal que presentarán todos os proxectos que expoñen nesta feira científica. Tamén estará no programa Yolanda Golías da Unidade de Divulgación Científica da UDC. Eva Cabanelas Dopazo, profesora e divulgadora científica, pasará tamén polos micrófonos de CUAC.
O IES da Sardiñeira tampouco quixo perder a oportunidade de falar coa Radio Comunitaria da Coruña e presentarán o seu proxecto de supervivencia científica, unha proposta da que a nosa audiencia de seguro que quererá tomar boa nota. O alumnado do CEIP Sagrada Familia presentarán os seus experimentos relacionados co medio ambiente.
Nesta xornada lúdico-científica, teremos un equipo de reporteiros de campo visitando as haimas do Monte de Santa Margarida para falar con alumnado, profesorado e coruñeses e coruñesas que se acheguen a coñecer os traballos da rapazada galega.
Por outra parte, CUAC FM realizará durante este Especial Día da Ciencia na Rúa 2025 unha cobertura sen precedentes na emisora. Un equipo de máis de 20 persoas contará á audiencia todos os detalles do que ocorre no monte de Santa Margarida. Un equipamento técnico actualizado permitirá que os reporteiros e reporteiras de CUAC poidan conectar en directo desde calquera punto do parque, algo que vai permitir contar e falar desde as Haimas coa rapazada, os mestres e mestras e a veciñanza de Coruña que se achegue a coñecer as investigacións dos escolares galegos.
O programa especial poderá escoitarse desde a 11.00 do sábado 10 de maio na 103.4FM na cidade da Coruña e por streaming na web de CUAC FM e nas aplicacións gratuítas para Android e iOS.