ZONA SOCI@S
Neste apartado debes encontrar solucións a todas as dúbidas que poidas ter dentro da asociación.
Se queres resolver unha dúbida puntual, seguramente atopes a solución nas nosas FAQ. Se o que desexas é saber máis sobre as diversas coordinadoras, a organización interna e a historia de CUAC, segue lendo.
Ademais, esta é a documentación en vigor actualmente:
- Estatutos de CUAC.
- Regulamento de Réxime Interno de CUAC FM.
- Respostas a Preguntas Frecuentes (FAQ).
Breve introdución a CUAC
CUAC significa Colectivo de Universitarios ACtivos. É unha asociación cultural e tamén unha asociación da Universidade da Coruña. Fundouse en xuño de 1995 e a emisora Cuac FM inaugurouse con 26 programas na grella o 27 de marzo de 1996. Xa pasaron pola emisora máis de 430 programas e miles de persoas.
Máis info: http://es.wikipedia.org/wiki/Cuac_FM
Organización Interna
A asociación ten unha Xunta Directiva que se elixe cada dous anos, tal como fixa a Lei de Asociacións.
A estrutura de xestión interna baséase en 5 coordinadoras que se encargan de que todo funcione. En todas elas podes achegar tempo e coñecementos sempre que o desexes. O nivel de implicación márcalo ti. Iso si, se te comprometes a facer algo confiamos en que poidas asumilo. A colaboración de moitas persoas permítenos mellorar como colectivo.
Os órganos de decisión son:
- As asembleas. Teñen a obriga de asistir todas as persoas asociadas. Celebramos un mínimo de 3 ao ano: xaneiro, xuño e setembro. Se se considera que hai algunha decisión importante e urxente, celébrase unha extraordinaria no momento oportuno. Intentamos que sexan amenas, participativas e construtivas. E ao rematar, os que o desexan van comer xuntos.
- O Consello de Coordinación. Forman parte del todas as persoas que están nas coordinadoras. Reúnese aproximadamente unha vez ao mes e trata os temas que cada coordinadora considera que debe compartir co resto para que toda a estrutura coñeza o que está a suceder e así haxa boa coordinación interna.
- As 5 coordinadoras. A continuación contámosche o que fai cada unha para que saibas a cal debes dirixirte cando o necesites. E por se te animas a sumarte!
Estas coordinadoras comunícanse internamente a través de Trello, correo electrónico e reunións presenciais.
Competencias das coordinadoras
- Comunicación e Diversión: comunicacion@cuacfm.org. Responsabilízase de que flúa a información a nivel interno e de comunicar cara ao exterior o que fai CUAC a través das redes sociais (Twitter, Facebook, YouTube, notas de prensa, campañas publicitarias…). Tamén de todas as actividades paralelas da asociación: festas, concurso de maquetas, gala dos Oscuacs, aniversarios… Para algunhas delas convócanse grupos de traballo nos que podes involucrarte de forma puntual. Se o teu programa quere organizar algo á marxe da emisión en Cuac FM debes comunicalo a esta coordinadora, que xestionará a autorización da asociación para que poidas levalo a cabo usando os logos de CUAC e mesmo aproveitando os nosos recursos materiais e, en ocasións xustificadas, económicos.
- Contidos: contidos@cuacfm.org. Todo o que soa na emisora depende desta coordinadora. Contáctaa se tes ideas para que se gravan cuñas ou outros contidos, se coñeces alguén que teña un podcast que poderiamos emitir, se queres enviar cuñas do teu programa para que soen en continuidade, se non vas poder ir facer un día o teu programa, se queres cambiar de hora… Calquera programa comunitario que queiras formular, debes facelo escribindo a esta coordinadora.
- Tecnoloxía, informática e loxística (TIL): tecnologia@cuacfm.org. O seu lema é “a túa coordinadora amiga”. Encárgase de que todo funcione, de xestionar o material, as chaves, a web, a gravación de los programas, o RadioCo, o estudio de gravación… Se detectas que algo falla, escríbelles o antes posible para que valoren como solucionalo. Adquiriuse un servidor propio para a asociación ao que chamaron Pato Lucas. Será o corazón informático de CUAC.
- Organización, administración e estratexia (ODA): oda@cuacfm.org. Encargada das relacións exteriores da asociación con outras organizacións (ReMC, AMARC…), administracións, empresas, mecenas, etc. Busca financiamento e convenios con todo tipo de entidades. Elabora a estratexia legal de cara a conseguir a licenza en FM. Encárgase tamén de producir informes, abrir expedientes sancionadores, levar a parte burocrática da asociación, e do seguimento do Plan Estratéxico. Por último, é responsable da parte económica. Aínda que para as cotas de socios e programas, así como a xestión dos ingresos por mecenado, habilitouse outro correo electrónico:promocion@cuacfm.org.
- Formación: formacion@cuacfm.org. Ten o importantísimo labor de que toda persoa que chegue á asociación, sexa para facer radio ou para facerse socia sen necesidade de emitir, pase pola formación inicial de 3 módulos. Ademais, ofrece formacións complementarias como edición de audio ou manexo do estudio de gravación. Irá informando de novas ofertas formativas que se vaian desenvolvendo. Tamén será responsable do Plan Formativo que se presente cando se poña en marcha a Escola de Radio e Asociacionismo.
Nota importante
Como podes imaxinar, en moitas ocasións, para que algo se leve cabo de forma correcta entran en xogo varias coordinadoras. Se queres formular algo complexo debes avisar con suficiente antelación. Non esquezas que todo o seu traballo é voluntario e debes adaptarte ao ritmo que poidan asumir.
Por exemplo: Unha actividade paralela. Informas a comunicacion@cuacfm.org. Pero seguramente deberá ser aprobada en ODA se estratexicamente implica algo que poida afectar á imaxe da emisora, e tamén se precisas achega económica. Ademais, se queres usar algún material, debe comunicarse a Tecnoloxía, que quererá saber cando se necesita exactamente por se Contidos necesita ese material para algo propio da emisora.